Lara Méndez presenta en Fitur “Vive Lugo”, o modelo de turismo sostible co que reforzará a marca da cidade no ámbito internacional

 A alcaldesa convida a vivir Lugo, “un destino que conta con todos os recursos necesarios para atraer un turismo de calidade, baseado nas experiencias e sen masificacións”.

Lara Méndez deu a coñecer o Plan de Turismo Sostible co que se impulsará a enogastronomía, vinculada con todo o pasado histórico e o patrimonio natural da cidade.

Durante a presentación, expuxéronse, así mesmo, o spot promocional do Arde Lucus e o vídeo de San Froilán, as dúas grandes citas festivas do municipio.

Tamén se avanzaron dous grandes eventos que haberá en Lugo este ano: a Capital da Cultura do Eixo Atlántico, e o Tour do Talento, da man da Fundación Princesa de Xirona.

Xoves, 19 de xaneiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez presenta en Fitur “Vive Lugo”, o modelo de turismo sostible co que reforzará a marca da cidade no ámbito internacional

A alcaldesa, Lara Méndez, deu a coñecer este xoves en Fitur o modelo de turismo sostible de Lugo, baseado na riqueza patrimonial, gastronómica e paisaxística do municipio, co que o executivo busca reforzar a marca ‘Lugo’ no ámbito internacional. Fíxoo durante o acto de presentación da campaña “Vive Lugo”, no que tamén participaron o edil de Xuventude e Deportes, Mauricio Repetto, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro.

Méndez explicou que, dende hai varios anos, Lugo atópase inmersa nun cambio de paradigma cara un urbanismo vangardista e sostible que está a ser pioneiro en Europa. Así, subliñou que “é fundamental potenciar un turismo acorde con este modelo de cidade, baseado nas experiencais de calidade, sen aglomeracións, seguras, diferentes e en contornas naturais e de gran riqueza patrimonial”.

“En Lugo contamos con todos os recursos necesarios para cumplir coas expectativas dos visitantes máis esixentes”, apuntou a rexedora, quen comezou o seu relato enxalzando os tres Patrimonios da Humanidade: a Muralla Romana, “como sinal de identidade das e dos lucenses, da nosa forma de ser e de vivir e como representación da historia e cultura de Lugo”. A Catedral, lembrando que “foi declarada patrimonio da humanidade no ano 2015” e, por suposto, o Camiño Primitivo, “onde actualmente temos proxectos de mellora e actuacións claves para mellorar a experiencia dos peregrinos e impulsar esta ruta xacobea”, referiu.

A alcaldesa deu a coñecer, así mesmo, o Plan de Turismo Sostible que se desenvoverá na cidade nos próximos anos mediante os fondos Next Generation, a través do goberno do Estado, baseado na evolución histórica e cultural que a gastronomía tivo no territorio, ampliando tamén á enogastronomía o atractivo do municipio. Deste xeito, o Concello porá en marcha un centro enogastronómico que será “un punto de referencia en Lugo, pero tamén un revulsivo para toda a provincia, pois nel porase en valor e darase a coñecer a evolución - dende o noso pasado romano, o medieval e mirando xa ao contemporáneo- da nosa cociña”.

Méndez referiuse, deste xeito, á calidade e oferta gastronómica lucense, como outro dos grandes alicerces para visitar o municipio. “É de sobra coñecida a calidade dos nosos produtos autóctonos, así como do noso ‘tapeo’, unha costume moi arraigada na cidade”.

A rexedora aproveitou tamén para falar da riqueza paisaxística da cidade, con máis de 10 quilómetros de cinto verde, á beira dos ríos Miño e Rato. E, como non, do impulso da cultura a través das dúas festas de interese turístico nacional como son o San Froilán, “as nosas festas patonais, nas que enxalzamos as nosas tradicións”, e o Arde Lucus, “a recreación do noso pasado romano“, ás que se sumou unha nova cita obrigada, o Caudal Fest, “un evento musical xa consolidado no calendario nacional de festivais”.

O Arde Lucus máis internacional

Lara Méndez avanzou en Fitur os pasos que está a dar o Concello para que o Arde Lucus sexa recoñecido como Festa de Interese Turístico Internacional. “Tras cumprir cinco anos como Festa de Interese Nacional, iniciamos o procedemento para que este ano a cita obteña por parte do ao Ministerio o visto bó á súa declaración de Interese Internacional, convencidos de que é unha cita que reúne todos os requisitos para acadar este recoñecemento”.

Durante o acto presentouse, así mesmo, o spot promocional da XXII edición desta festividade, que terá lugar do 22 ao 25 de xuño na capital lucense. Tamén se presentou un vídeo sobre a potencia do San Froilán.

Lugo, capital cultural

“Sabemos que estamos a facer as cousas ben e así imos seguir. Por iso, neste prestixioso escaparate que é FITUR, anímovos a todos, unha vez máis, a coñecer e apreciar a pegada da historia e a cultura en Lugo, e máis neste 2023, no que Lugo será sede da Capital da Cultura do Eixo Atlántico, recollendo o relevo de Braga” continuaba Méndez na súa intervención.

A alcaldesa destacou tamén que Lugo será este ano unha das cinco cidades anfitrioas seleccionadas para a celebración da segunda edición do Tour do Talento, unha iniciativa promovida pola Fundación Princesa de Xirona (FPdGi) para impulsar e conectar o talento dos mozos e mozas do noso país.

“Pero este amplo abanico de opcións non é colleita dun día, senón que vén de lonxe. As cousas non suceden porque si. Naturalmente, Lugo é un destino auténtico. Conservamos o que fomos e o que somos, e o que nos fai únicos: unha contorna natural envexable, calidade nos servizos, patrimonio histórico, excelencia gastronómica, unha ampla oferta cultural e a amabilidade das súas xentes, que se cabe, é o maior dos atractivos que temos” finalizaba a rexedora.

A alcaldesa de Lugo asistía tamén esta mañá a varias exposicións na Feira Internacional de Turismo de Madrid, como na organizada pola Deputación Provincial aproveitando, igualmente, a súa estancia no evento para participar en diferentes actos de difusión.

Entre as persoas asistentes á presentación da campaña de Lugo en FITUR este ano estiveron integrantes da Corporación municipal pertencentes aos grupos da oposición; senadores e deputados lucenses, así como diversos axentes sociais do municipio, como o presidente da Asociación Provincial de Hostaleiros.

Máis info

Audio

Multimedia

  • Lara Méndez presenta en Fitur “Vive Lugo”, o modelo de turismo sostible co que reforzará a marca da cidade no ámbito internacional
  • Lara Méndez presenta en Fitur “Vive Lugo”, o modelo de turismo sostible co que reforzará a marca da cidade no ámbito internacional

Noticias relacionadas