Lara Méndez porá en marcha un Centro de Promoción da Bicicleta

A iniciativa, enmarcada na estratexia de sostibilidade urbana iniciada pola alcaldesa no anterior mandato, pretende fomentar o uso deste medio de transporte en todos os ámbitos.

A construción da Senda Verde Ciclista, ao abeiro do programa Muramiñae, permitirá habilitar a infraestrutura viaria que posibilite o cambio na mobilidade local.

Lara Méndez: “Mantemos a nosa aposta decidida pola bici, tamén como motor de desenvolvemento de novas oportunidades empresariais”.

A rexedora local sinala a “importancia de promover o seu uso entre as mulleres, contribuíndo a rachar coa brecha que, tamén neste eido, frea a igualdade de xénero”.

Martes, 14 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez porá en marcha un Centro de Promoción da Bicicleta

Lara Méndez porá en marcha un Centro de Promoción da Bicicleta en Lugo a través do que se coordinarán accións e iniciativas municipais que buscan impulsar o seu uso, especialmente, entre colectivos cunha baixa cota de mobilidade ciclista.

A actuación, enmarcada na estratexia que a propia rexedora definiu no anterior mandato para transformar a mobilidade local e contribuír a crear unha cidade sostible e resiliente fronte aos efectos do cambio climático, pretende fomentar este medio de transporte en todos os seus ámbitos para o que, dende a área de Xuventude, se artellará toda unha batería de medidas que incentiven a súa utilización.

“A bicicleta aporta valor para a sociedade en múltiples facetas – sinalou – en aspectos tan diversos e importes como a saúde, o medio ambiente, a economía e o turismo, xerando beneficios non só para aquelas persoas que a empregan senón tamén para o resto da cidadanía, xa que libera espazo e diminúe a contaminación e os niveis de ruído”.

A rexedora local destacou, precisamente, ese carácter interdisciplinar “que nos permitirá desenvolver políticas públicas de gran interese que teñan por obxecto non só mellorar a mobilidade urbana senón tamén a calidade do aire e mesmo a igualdade efectiva”, indicou.

Así, referiu por unha banda que a construción da Senda Verde Ciclista, que se materializa ao abeiro do programa Dusi - Muramiñae, habilitará a infraestrutura viaria necesaria para posibilitar esa convivencia do tráfico, máis aló dunha utilización esporádica, deportiva ou lúdica senón como unha alternativa diaria á circulación en coche.

“Un camiño que iniciamos xa en 2017 co calmado a 30 km/hora na Rolda da Muralla e nas inmediacións do centros educativos da capital e co que queremos incidir, baixo unha perspectiva de prioridade peonil, en aspectos tan fundamentais como o respecto mutuo entre todo tipo de vehículos e a conservación do noso patrimonio. Queremos, en definitiva, que Lugo sexa unha cidade amigable para as bicicletas, ofrecendo espazos públicos e compartidos que sexan axeitados e seguros para todos e todas”, destacou Lara Méndez.

A alcaldesa puxo en valor a creación da Senda Verde, “coa que se armoniza e optimiza o deseño das vías ao longo dos barrios polos que transcorre, favorecendo a súa utilización compartida e a súa intermodalidade co transporte público” e avanzou que o Centro de Promoción da Bicicleta centrará parte da súa actividade na promoción deste medio e no desenvolvemento de campañas de especial interese para públicos e colectivos que amosan unha menor predisposición ao seu emprego.

A este respecto, Méndez sinalou que “resulta fundamental incrementar o uso da bici entre as mulleres para corrixir a brecha que tamén dificulta a igualdade de xénero nesta práctica”, xa que, segundo os últimos datos publicados polo Barómetro da Bicicleta, mentres o 31% dos homes a empregan, polo menos, unha vez á semana a porcentaxe das mulleres cae até o 13%, é dicir, un 2’28% máis baixo. Pola contra, a taxa de non saber montar nela é do 4% entre os homes, mentres que para as mulleres ascende até o 18%.

A rexedora local rematou manifestando a aposta decidida do Goberno local pola bici, “tamén como motor de desenvolvemento de novas oportunidades empresariais” e aludiu aos obradoiros de formación que, sobre esta temática – Reparación de Bicicletas - xa puxo en marcha a concellería que dirixe Mauricio Repetto co obxectivo de que a mocidade adquira coñecementos especializados nesta materia.

“Este sector ten capacidade, pois, para exercer, alén, como un foco de emprego cualificado e especializado, actualmente con moita demanda, con amplas posibilidades nas contornas urbanas para o reparto de mercadorías, a través de microplantas cicloloxísticas. Un nicho de negocio con gran futuro e moita proxección para crear redes de distribución de proximidade máis eficientes pero con gran aproveitamento tamén no eido do turismo, que se axusta perfectamente ao noso modelo de cidade”, concluíu Lara Méndez. 

Noticias relacionadas