Lara Méndez pide á oposición fuxir da demagoxia co modelo de xestión da ORA e apela á súa responsabilidade

“Este Goberno vai intentar primar sempre os servizos públicos como modelo de xestión”, asegurou Méndez, quen anunciou que “á vista dos 5 informes técnicos, neste momento a mellor forma de xestión é o modelo indirecto”

A rexedora avanzou que para garantir este servizo haberá que traballar nuns novos pregos de contratación de curta duración mentres se estuda a viabilidade da remunicipalización

Luns, 26 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, apelou á responsabilidade da oposición este luns na Xunta de Voceiros, onde defendeu o modelo indirecto de xestión do sistema ORA de xeito inicial, á vista dos cinco informes elaborados polos responsables de tráfico da Policía Local, persoal, contratación, aseoría xurídica e policía e transportes, e ante a Lei 27/2013 de Racionalización e Sostibilidade da Administració Local, que impide contratar persoal. “Adiantámonos ao que se nos solicitou na sesión plenaria anterior, pedindo informes para ver a viabilidade do modelo de xestión”, avanzou a rexedora.

“Este equipo de Goberno vai intentar primar sempre os servizos públicos como modelo de xestión”, asegurou Lara Méndez, quen anunciou que “á vista dos informes técnicos, neste momento a mellor forma de xestión é o modelo indirecto, o mesmo modelo de concesión que existía ata hai uns meses”, asegurou a rexedora.

“O Concello de Lugo, querendo prestar o servizo ORA, un servizo non esencial pero si necesario para facilitar a rotación de vehículos aparcados e para garantir unha fluidez do tráfico, e querendo provocar o menor prexuízo aos traballadores deste servizo; avoga por un modelo de xestión indirecto, polo menos de xeito inicial, aínda que non se descarta estudar outras vías alternativas”, avanzou a Alcaldesa, quen fixo fincapé en que a decisión “non é un criterio político, é un criterio racional” ao tempo que instaba á oposición a fuxir da demagoxia.

Neste senso, a rexedora avanzou que para garantir este servizo haberá que traballar nuns novos pregos de contratación de curta duración mentres se estuda a viabilidade da remunicipalización.

 Audio

  •  Lara Méndez, sobre o modelo de xestión da ORA|Descargar mp3

Noticias relacionadas