Lara Méndez: “O Arde Lucus XXI foi un éxito rotundo, un auténtico revulsivo económico e dinamizador para toda a cidade”

A alcaldesa lucense cualificou a edición cun 10, convencida de que a elevada afluencia “suporá un antes e un despois para acadar o seu distintivo como Festa de Interese Turístico Internacional”.

A rexedora destacou que os festexos superaron a participación de anos pasados e foron todo un exemplo de implicación cidadá na conservación do patrimonio material e inmaterial.

A proxección da celebración creceu un 4’7% a nivel de redes sociais e supuxo tamén un incremento, próximo ao 7%, da cantidade de lixo recollido que chegou aos 383.700 kg.

Luns, 13 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez: “O Arde Lucus XXI foi un éxito rotundo, un auténtico revulsivo económico e dinamizador para toda a cidade”

“Un éxito rotundo”. Neses termos a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, cualificaba o XXI Arde Lucus. “Unha edición que chegou como a máis agardada dos últimos anos e que marcha deixándonos un gran sabor de boca, como revulsivo económico, como dinamizadora da cidade en todos os sentidos, pero tamén pola proxección que alcanzou neste 2022 e que, cremos, nos axudará na consecución da súa distinción a nivel internacional”, afirmou.

“Foi sen dúbida un Arde Lucus esplendoroso, reflexo da aposta realizada dende o Concello que leva moitos anos mimando esta festa para convertela en todo un sinal de identidade e que, nestes momentos, se constitúe xa como unha ferramenta máis da recuperación do municipio, como vén de demostrar, aproveitando as nosas potencialidades. Foron catro días de gran ambientación nas rúas, que nos deixan a imaxe de miles de lucenses e visitantes gozando do patrimonio material e inmaterial de Lugo, a imaxe de establecementos comerciais e hostaleiros cheos, de novo, de actividade, con múltiples escenas de confraternización que logo de dous anos de crise sanitaria se recuperaron nas mellores condicións posibles, de xeito seguro e ordenado, converténdonos durante o fin de semana nun referente festivo, exemplo de convivencia”, resumiu a alcaldesa.

Lara Méndez destacou, primeiramente, con esa cualificación sobresaínte as repercusións que a celebración tivo no eido económico.

“A verdade é que isto é unha inxección económica para a cidade a todos os niveis, tanto para a hostalaría, onde a ocupación rondou o 100% durante toda a fin de semana non só na capital senón tamén en localidades limítrofes, sendo o primeiro sector máis beneficiado, pero tamén redundou moi positivamente no comercio local e no resto de establecementos”, sostivo.

O 2022 será, por tanto, segundo a rexedora, un punto de inflexión para o Arde Lucus e para conseguir o distintivo de Festa de Interese Turístico Internacional, “un obxectivo para o que levamos moito tempo traballando tanto en edicións anteriores, coa difusión e a organización telemática de moitas actividades coa finalidade de que na pandemia non se apagara a chama das festas, propiciando incluso o seu coñecemento, in situ, a unha nutrida delegación de xornalistas procedentes de diferentes países que recentemente visitaron a cidade para coñecer de primeira man en que consistía e cal era o seu alcance”.

“De feito, a participación foi moi intensa, tanto por parte de toda a cidadanía como tamén de quen nos visitou dende outros puntos de Galicia, de España, do estranxeiro, de moitos países de distintas procedencias como Sudamérica, Norteamérica, ou Europa. A verdade é que foi incrible a cantidade visitantes e a implicación de todas e todos eles, porque non se limitaron a ser espectadores senón que foron parte activa da festa”, subliñou a rexedora, e “ás e aos que quero trasladar o agradecemento do Concello polo seu comportamento exemplar, posto que o civismo foi a nota predominante durante todos estes días”.

Unha gran afluencia da que deixan constancia tamén as toneladas de lixo recollido dende o pasado venres ao mediodía polo servizo de limpeza viaria e que neste 2022 ascenderon a un total de 383.700 kg de lixo, superando ao retirado en 2019 en case 25.000 kg (358.720 kg), ao redor dun 7% máis.

Outro dos grandes indicadores, é sen dúbida, o alcance que tiveron as redes sociais municipais, xa que a comunidade das contas oficiais do Arde Lvcvs (Facebook, Instagram, Twitter e Youtube) medrou un 4,7% en total, acadando un global de 42.315 seguidores. Respecto aos contidos audiovisuais publicados, os vídeos rexistraron máis de 332.000 reproducións.

Así mesmo, nos últimos 28 días, os contidos publicados a través das canles superaron o millón de impresións (número de que veces se mostraron) chegando a máis de 600.000 persoas de varios países e continentes, entre os que destacan por orde, ademais de España: Portugal, Bolivia, Estados Unidos, Arxentina, Italia, México, Reino Unido, Brasil, Ecuador, Colombia, Paraguai, Perú, El Salvador, Indonesia, República Dominicana, Nicaragua, Francia, Alemaña, Venezuela, Guatemala, Suiza, Honduras, Chile, Rumanía, Uruguai.

A rexedora quixo, igualmente, poñer en valor o traballo realizado tanto por parte do Concello, dende a área de Xuventude e Deportes que dirixe Mauricio Repetto, por todos e todas as técnicas municipais, así como o levado a cabo polas 19 Asociacións. “Un labor intenso e moi rigoroso, imprescindible, que avaliamos con outro 10 e que alén dos colectivos lucenses facemos extensivo a todas aquelas que viñeron doutros lugares de España e que nos acompañaron, enriquecendo as nosas festas”.

Lara Méndez destacou, así mesmo, o éxito das novidades que este ano se incluíron na programación, entre elas a proxección en 5D, que dan man das novas tecnoloxías contribuíu a recrear o pasado romano de Lugo, pero tamén os concertos que tiveron unha acollida abafadora, especialmente o das Tanxugueiras, ás que se lles dedicou o nome da pasarela que cruza a N VI.

“E xa dentro das actividades consolidadas, eu persoalmente, quédome co desfile dos centros escolares onde se demostra que hai longa vida para o Arde Lucus, porque dende idades temperás se transmite ese orgullo de ser lucense, algo que para nós é fundamental e moi importante en tanto denota que sabemos e queremos amar o noso, porque só así o respectaremos e contribuiremos a manter o patrimonio como legado para as futuras xeracións”, concluíu a alcaldesa de Lugo.

Audio

Vídeo

Noticias relacionadas