Lara Méndez mantén un encontro cos mozos e mozas que integran a orquestra Terra Nova, posta en marcha co impulso do Concello

A alcaldesa de Lugo trasladoulles o apoio municipal ao seu talento, “porque sodes os grandes profesionais que mañá aseguraredes a continuidade das grandes orquestras”.

O executivo municipal cede as instalacións da Casa da Xuventude a esta formación musical, liderada por Nicolás Ravelli, para desenvolver os seus ensaios.

Este proxecto complementa a formación que xa se imparte desde a Escola Municipal de Música e a que tamén desenvolven outras agrupacións musicais moi asentadas en Lugo.

Sábado, 26 de novembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez mantén un encontro cos mozos e mozas que integran a orquestra Terra Nova, posta en marcha co impulso do Concello

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo un encontro hoxe cos integrantes da nova orquestra Terra Nova, posta en marcha co apoio do Concello desde a concellería de Xuventude. A formación musical, dirixida polo prestixioso músico bonaerense residente na cidade, Nicolás Ravelli Barreiro, está composta por 37 músicos (20 rapazas e 17 rapaces) de entre 15 e 35 anos de idade e nace con vocación de ser unha formación estable no tempo.

A rexedora e o edil Mauricio Repetto achegáronse a saudar a estes intérpretes de instrumentos de orquestra, que iniciaron os seus ensaios o pasado día 5 de novembro na Casa da Xuventude, unhas instalacións que o executivo municipal cede para que poidan desenvolver a súa formación, todos os sábados en horario de 11.00 horas a 14.00 horas. Méndez trasladoulles unha mensaxe: “Estamos ante os grandes profesionais que mañá mesmo aseguraredes a continuidade das grandes orquestras, polo que queremos axudar a impulsar o voso enorme talento”

Neste senso, explicou que “apoiamos esta iniciativa cedendo un espazo onde a mocidade poida formarse cun director cunha longa traxectoria e poñer en práctica os coñecementos adquiridos, contribuíndo deste xeito á súa formación musical e ampliando os seus horizontes artísticos na cidade”. A alcaldesa valorou, así mesmo, “moi positivamente” a implicación dos mozos e mozas lucenses con este proxecto, pois “supón un impulso para a cultura lucense”.

Méndez lembrou que este tipo de proxectos complementan a formación que xa se imparte desde a Escola Municipal de Música e a que tamén desenvolven outras agrupacións musicais moi asentadas en Lugo.

Multimedia

  • Lara Méndez mantén un encontro cos mozos e mozas que integran a orquestra Terra Nova, posta en marcha co impulso do Concello

Noticias relacionadas