Lara Méndez enxalza a traxectoria de Marisol Bravos, pregoeira do San Froilán, na loita pola igualdade de dereitos sociais

A rexedora lucense referiuse a Bravos como unha “muller valente, forte e combativa, exemplo de superación que axudou a facer de Lugo unha cidade mellor, máis inclusiva, solidaria e integradora”.

A alcaldesa aproveitou o pregón para desexarlle unhas boas festas á veciñanza lucense á que lle pediu “non baixar a garda e celebralas con responsabilidade”.

Luns, 04 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez enxalza a traxectoria de Marisol Bravos, pregoeira do San Froilán, na loita pola igualdade de dereitos sociais

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu esta tarde na Casa Consistorial á pregoeira das Festas de San Froilán 2021, Marisol Bravos.

Nunha breve cerimonia, que antecedeu á lectura do pregón co que arrancan as celebracións patronais, a rexedora entregou a Marisol Bravos unha “parella lendo” de Cerámica Sargadelos como agasallo institucional en agradecemento á súa intervención.

Durante o acto, Méndez enxalzou a traxectoria vital de Marisol Bravos á que definiu como “unha muller valente, forte e combativa, tal e como demostra a súa propia biografía”.

“Cunha experiencia marcada polas dificultades que ela soubo converter en retos, e polos que traballou con perseveranza, Marisol foi, é unha auténtica defensora dos dereitos... Das persoas con diversidade funcional, das mulleres. Contra as discriminacións, as violencias e a brecha salarial. En prol da igualdade real de oportunidades, dunha sociedade xusta, considerada e consciente de que as diferenzas son, sobre todo, oportunidades”, continuou a alcaldesa.

“Marisol Bravos é, sen dúbida, unha loitadora nata, exemplo de superación, como muller, como persoa, que coa súa afouteza, coa súa calidade persoal e profesional, leva 66 anos facendo deste Lugo unha cidade mellor. Máis integradora e inclusiva, máis solidaria... dende un punto de vista físico – porque foi promotora da supresión de moitas barreiras arquitectónicas – pero tamén emocionais, culturais e sociais”.

“Foi quen de cambiar o noso futuro, contribuíndo a unha nova lexislación; de remover conciencias. As súas ferramentas: a palabra, a formación -como excelente mestra -, a constancia, a unión. Valores, salientou a rexedora lucense, nos que se vertebra a xustiza social, que hoxe deben ser cabeceira de todas e todos como individuos, como sociedade. Que a propia vida, as circunstancias actuais, esta pandemia, recoñecen hoxe, igual ca onte, como esenciais”.

“Tamén nas administracións, dende as que temos a capacidade de xestionar os recursos públicos e a vontade de velar porque a forma de facelo sexa garante dunha boa calidade de vida para a cidadanía. Para toda: a veciñanza de agora pero tamén as vindeiras xeracións. Abrindo portas, posibilidades, aceptando os desafíos e aproveitando para vencelos todas as nosas capacidades que por ser diversas, son precisamente, maiores. Como até agora, dunha forma xenuína, con humildade, honestidade e coraxe leva feito Marisol Bravos”, rematou Lara Méndez que, antes de concluír, aproveitou a súa intervención para desexarlle unhas boas festas á veciñanza lucense á que lle pediu tamén “non baixar a garda” e celebralas con responsabilidade.

“Para que entre todos e todas fagamos deste San Froilán un exemplo de civismo, unha demostración de que o ocio, a socialización e a dinamización económica poden ir da man sen comprometer o máis valioso que temos: a nosa saúde e a de quen máis queremos”, finalizou a alcaldesa.

Multimedia

  • Lara Méndez enxalza a traxectoria de Marisol Bravos, pregoeira do San Froilán, na loita pola igualdade de dereitos sociais
  • Lara Méndez enxalza a traxectoria de Marisol Bravos, pregoeira do San Froilán, na loita pola igualdade de dereitos sociais
  • Lara Méndez enxalza a traxectoria de Marisol Bravos, pregoeira do San Froilán, na loita pola igualdade de dereitos sociais
  • Lara Méndez enxalza a traxectoria de Marisol Bravos, pregoeira do San Froilán, na loita pola igualdade de dereitos sociais

Noticias relacionadas