Lara Méndez enxalza o valor da colaboración público – privada “como motor de investimento na etapa da recuperación económica”

A rexedora participou hoxe no Startup Day organizado para dar a coñecer os proxectos presentados á sétima edición da aceleradora empresarial VíaGalicia.

A alcaldesa aproveitou o acto para explicar ás persoas asistentes a proxección das iniciativas municipais.

Luns, 27 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez enxalza o valor da colaboración público – privada “como motor de investimento na etapa da recuperación económica”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou hoxe no Startup Day de VíaGalicia no que se deron a coñecer os proxectos presentados á sétima edición desta aceleradora empresarial.

A mandataria local puxo en valor a importancia da colaboración público – privada “nun momento de recesión e decaemento inversor derivado das sucesivas crises que vivimos e que nos están a afectar tamén a nivel global onde o apoio das administracións resulta fundamental para facer emerxer o talento e brindar as oportunidades que necesita para consolidarse”.

Méndez tivo oportunidade, tamén, de trasladarlles ás e aos asistentes os avances acadados dentro do Lugo Transforma, “ao que destinamos 13 millóns de euros – un deles de investimento privado - que naceu coa vocación de pular pola diversificación industrial, atraer novos negocios e, sobre todo, xerar emprego de calidade en sectores estratéxicos de alto impacto social e medio ambiental, logo de que a pandemia urxira a emprender un cambio do modelo produtivo local, altamente dependente do sector servizos”.

“Neste momento o Comité de Investimentos leva analizada a viabilidade das máis de 80 propostas de negocio que se presentaron para avaliar se son coincidentes coas señas de identidade nas que se asenta a nosa marca dun Lugo sostible, á vangarda da economía verde e circular. Xa se formalizou o investimento en dúas empresas - LexDigo e Innogando, ámbalas dúas cunha forte compoñente tecnolóxica - e hai outras tres a piques de asinarse”, avanzou.

A este respecto, a rexedora fixo fincapé no feito de que Lugo sexa xa unha cidade punteira – como así se está a recoñecer nacional e internacionalmente - contra o cambio climático. Un liderado que exerce a través do aproveitamento de recursos propios e dentro do cal se atopa a aposta decidida do seu Executivo polo sector forestal e agroalimentario como piar da recuperación económica do municipio e da madeira como elemento construtivo.

A alcaldesa aludiu, así mesmo, ao traballo realizado dende o Centro de Empresas e Innovación Municipal, “a través do que, dende o ano 2004 levamos ofrecendo asesoramento a máis de 3.000 proxectos empresariais cunha supervivencia posterior no mercado en torno ao 80%“.

Para concluír, a rexedora lucense cualificou o intercambio que propicia este tipo de xornadas como “moi frutífero, en tanto nos permitirá seguir creando vínculos e novas sinerxías de colaboración que serán proveitosas para o ámbito público e o privado” finalizou Lara Méndez.

Audio

  • Lara Méndez, sobre o Startup Day de VíaGalicia | Descargar mp3
 

Noticias relacionadas