Lara Méndez enxalza o uso integral de madeira no novo hotel de Santo Domingo que potencia tamén o seu atractivo turístico

A rexedora visitou hoxe as instalacións para coñecer, de primeira man, o avance que seguen as obras.

A alcaldesa puxo en valor que o inmoble, no que se expoñen restos arqueolóxicos e situado nunha contorna emblemática, emule ao edificio Impulso Verde como referente de sostibilidade e urbanismo de vangarda.

Xoves, 13 de outubro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez enxalza o uso integral de madeira no novo hotel de Santo Domingo que potencia tamén o seu atractivo turístico

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, achegouse esta mañá até as obras do novo hotel que proximamente abrirá ao público en Santo Domingo para coñecer, de primeira man, o avance que seguen os traballos.

Durante o percorrido, a rexedora estivo acompañada por representantes das empresas Dmanan, Avaliño e Egoin así como polo xefe de obra do Impulso Verde.

Lara Méndez enxalzou o uso integral da madeira para a construción da totalidade do edificio e destacou, tamén, que a súa utilización suporá un valor engadido para o establecemento como atractivo turístico.

“É unha satisfacción comprobar como o edificio Impulso Verde non só goza de prestixio nacional e internacional senón que tamén é un exemplo e un referente para a iniciativa privada. Síntome moi orgullasa de que o modelo de cidade que estamos a impulsar dende o Concello para acometer a segunda gran transformación do municipio resulte inspirador para os promotores locais que deciden apostar por este material para executar os seus proxectos co valor engadido que achega en canto sostibilidade e a eficiencia enerxética pero tamén á vangarda urbanística”, sinalou a alcaldesa.

A rexedora lucense puido comprobar, igualmente, o gran resultado da integración que se fixo nas instalacións dos vestixios romanos que se atoparon na parcela – un decumano ou calzada que ocupa case oito metros cadrados de superficie – “cuxa exposición non só redundará na súa boa conservación senón que tamén exercerá como un atractivo turístico máis da nosa cidade”, incidiu Lara Méndez.

O achado, que data de finais de 2019, obrigou aos promotores do local a realizar un proxecto de escavación previo ao da edificación que se está acometendo e que dará lugar a un complexo hoteleiro de planta baixa, cinco plantas altas e baixo cuberta, que propiciou un investimento económico de 1’5 millóns de euros.

Multimedia

  • Lara Méndez enxalza o uso integral de madeira no novo hotel de Santo Domingo que potencia tamén o seu atractivo turístico

Noticias relacionadas