Lara Méndez destina 216.000 euros para dotar de desfibriladores ás dependencias municipais co fin de actuar ante posibles infartos

A Xunta de Goberno Local aprobará mañá o prego de licitación para adquirir un mínimo de 57 equipos DESA co fin de protexer á cidadanía fóra do ámbito sanitario.

A alcaldesa sostén que, a pesar de que a Xunta non obriga a instalación destes dispositivos, “cremos de especial importancia investir en salvar vidas, tendo en conta que a reanimación cardiopulmonar nos primeiros 3 a 5 minutos é imprescindible”.

Juanatey, xefe de cardioloxía do HULA, destacou a transcendencia desta actuación “xa que estes dispositivos” son fundamentais para previr as mortes por parada cardíaca.

A Cruz Vermella e a Federación de Veciños, valoran que Lugo “se convirta nun referente na loita contra as enfermidades coronarias”.

Entre os criterios de adxudicación do programa ‘Lugo con corazón’ terase en conta, ademais da oferta económica, a instalación de dispositivos en zonas exteriores.

Lugo situarase por riba da media recomenda en España en número de desfibriladores por habitante, sendo o máis cardioprotexido dos grandes concellos galegos.

Martes, 25 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez destina 216.000 euros para dotar de desfibriladores ás dependencias municipais co fin de actuar ante posibles infartos

O Concello de Lugo destinará máis de 216.000 euros para a instalación de desfibriladores nas dependencias municipais, co obxectivo de protexer á cidadanía ante posibles infartos. A alcaldesa, Lara Méndez, anunciou este martes o investimento, que se enmarca dentro da iniciativa municipal ‘Lugo con corazón’. Fíxoo acompañada da concelleira de Benestar, Olga López; o xefe de cardioloxía do Hula, Carlos Juanatey; o presidente da Cruz Vermella en Lugo, Luis Abelleira; e o presidente da Federación de Veciños, Jesús Vázquez, aos que a rexedora agradeceu o seu compromiso coa iniciativa.

Méndez explicou que “na Xunta de Goberno de mañá aprobaremos o prego de licitación para a adquisición dun mínimo de 47 desfibriladores semiautomáticos (DESA) fixos, que serán instalados en todas as dependencias municipais -tanto urbanas como do rural- e 10 móbiles, para os coches da Policía Local e os servizos de emerxencias, coa finalidade de axudar a unha rápida actuación ante posibles infartos e converter a Lugo, deste xeito, nun municipio cardioprotexido”. Estes 57 dispositivos súmanse aos 5 xa instalados en instalacións deportivas do Concello.

A rexedora incidiu en que, a pesar de que a Xunta de Galicia non obriga a instalación destes dispositivos como xa fan outras comunidades, “desde o Concello cremos de especial importancia investir en salvar vidas, tendo en conta que a reanimación cardiopulmonar nos primeiros 3 a 5 minutos é imprescindible xa que eleva as taxas de supervivencia entre o 49 ao 75%. En cambio, cada minuto que esta acción se atrasa redúcese a probabilidade de supervivencia entre un 10 e un 12%”.

En total, o Concello destinará 117.249 euros para a compra e instalación dos equipos e 99.316 euros para o seu mantemento, asinando un contrato inicial por tres anualidades (33.105 euros ao ano). O prazo máximo de entrega e colocación dos desfibriladores e a súa posta en funcionamento será de dous meses dende a súa sinatura.

Entre os criterios de adxudicación terase en conta, ademais da oferta económica, a posibilidade de implantación de desfibriladores exteriores, o que suporá que o número final de dispositivos municipais instalados sexa superior ao previsto no pregro de licitación, poidendo chegar a 70/72. “Deste xeito, Lugo situarase moi riba da ratio recomendada por Europa de 10 desfibriladores por cada 10.000 habitantes, converténdose na cidade máis cardioprotexida das grandes cidades galegas e incluso do Noroeste peninsular”, subliñou a rexedora.

Carlos González Juanatey, xefe de Cardioloxía do HULA, destacou a gran “transcendencia desta acción xa que a morte súbita é a primeira causa de morte no país”, polo que é moi importante que as administracións públicas se impliquen. “Os desfibriladores fóra do ámbito sanitario son un pilar fundamental para previr as mortes por parada cardíaca”, aclarou.

Pola súa banda, o presidente da Cruz Vermella en Lugo, Luis Abelleira, agradeceu ao Concello esta aposta, así como as accións formativas para que a cidadanía coñeza como usar estes dispositivos “que salvan tantas vidas”, mentres que Jesús Vázquez, presidente da Federación de Veciños de Lugo, puxo en valor que cLugo sexa referente na loita contra as enfermidades coronarias, porque esta actuación do Concello, que amosa a súa sensibilidade, completa a loita que comezamos a veciñanza para que a Xunta implementase a hemodinámica no HULA, e a estendese despois 24 horas. É un motivo máis para estar orgullosos de ser de Lugo.”.

Prego de condicións

O prego de condicións valorará, ademais, as melloras nas características funcionais dos desfibriladores, como o aumento do tempo de caducidade da batería ou a substitución sen coste da mesma; a posibilidade de implantación de desfibriladores exteriores; así como a presentación dun programa de formación en RCP básica durante os anos que dure a prestación do servizo.

Así mesmo, o contrato incluirá un programa formativo para a capacitación do persoal municipal, que estará composto por clases presenciais de carácter teórico e práctico. A duración mínima dos cursos será de 8 horas, das cales cando menos dous terzos destinaranse ao módulo de prácticas. A formación realizarase de forma inmediata, trala implantación dos dispositivos.

O programa ‘Lugo con corazón’ tamén incluirá formación do persoal das empresas concesionarias aos funcionarios municipais e a cidadáns voluntarios en reanimación cardiopulmonar (RCP) e DEA, actuacións que se desenvolverán da man da Cruz Vermella, así como accións de coordinación co 061 e campañas de sensibilización e información entre a veciñanza.

A rexedora animou aos resto de administracións e institucións a contar tamén con estes dispositivos cando nas súas instalacións entren un alto número de persoas.

Audios

Noticias relacionadas