Lara Méndez destaca a necesidade de reflexionar sobre como adaptar o apoio ás persoas maiores á realidade postpandemia

A alcaldesa de Lugo inaugurou as II Xornadas de Traballo na Atención Sociosanitaria ás Persoas Maiores que organiza o Concello, onde participan recoñecidos expertos e colectivos.

A atención ás persoas maiores, que son o 21% da poboación lucense, “é unha prioridade para o Goberno Local, polo que reforzamos todos os programas e servizos de asistencia”.

Venres, 01 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez destaca a necesidade de reflexionar sobre como adaptar o apoio ás persoas maiores á realidade postpandemia

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, inaugurou esta mañá as ‘II Xornadas de Traballo na Atención Sociosanitaria ás Persoas Maiores’, na que participarán destacados expertos para reflexionar sobre como mellorar a coordinación dos recursos das diferentes administracións para efectivizar as prestacións e servizos públicos a estes colectivos, adaptándoa aos novos retos que deixa a pandemia.

A rexedora destacou a importancia deste foro, que organiza o Concello de Lugo a través da concellería de Benestar Social, “xa que, da man dos mellores expertos e todas as persoas que participan tamén desde o público, debemos de establecer unha folla de ruta que permita afrontar unha nova realidade onde sabemos que o colectivo de maior idade foi un dos máis prexudicados pola situación Covid-19, desde a perspectiva da saúde, física e mental, así como afectiva, pero tamén foi un dos que demostrou maior capacidade de resiliencia”.

Méndez tamén lanzou un agradecemento a todos os profesionais que traballan nas estruturas de apoio ás persoas maiores, “que desenvolveron un inxente e magnífico traballo para dar respostas nunha das etapas máis complexas e incertas da nosa historia recente e que nos obrigou a unha mobilización asistencial sen precedentes”.

Neste senso, lembrou que foi a área de Benestar Social “unha das primeiras que reforzamos ao inicio da pandemia, cunha mobilización de recursos municipais moi intensa para atender as necesidades dos colectivos sociais máis vulnerables, entre eles o dos maiores, que representa o 21% do total da poboación lucense, onde reinventamos e adaptamos os programas asistenciais xa existentes e puxemos en marcha novos servizos de acompañamento e de detección activa da soidade, entre outros”. De feito, explicou, “neste 2021 destinamos as políticas sociais 31,2 millóns de euros, o 29,3% do orzamento total municipal, o máis alto da historia da cidade, porque para nós o apoio aos maiores é unha prioridade de Goberno”.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Inclusión e Persoas Maiores, Olga López Racamonde, organizadora das xornadas, agradeceu a colaboración dos expertos que participan nas distintas mesas de debate, e avanzou que “esperamos que o que aquí falemos poida deixar un poso que mellore as políticas de apoio aos maiores”.

Na inauguración participaron tamén Miguel Ángel Vázquez Vázquez, Presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, e José Ramón Martínez Calvo, médico adxunto do Servizo de Xeriatría do Hospital Universitario Lucus Augusti.

Esta segunda edición das xornadas municipais abordará, entre outros temas, a acción desde o movemento asociativo, a asistencia socio sanitaria en tempos de Covid, as debilidades e fortalezas das estruturas asistenciais e o impacto da pandemia na administración local.

Nas mesas de debate estarán presentes representantes non só de entidades para as que a atención aos maiores forma parte do seu quefacer cotiá como é o caso de Cruz Vermella, Adace, Aspalu ou Afalu, senón tamén de profesionais dos servizos de Xantar no Fogar, os centros de día e traballadores sociais, ademais de recoñecidos expertos como o presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, Miguel Ángel Vázquez Vázquez; o presidente da Sociedade Española de Xerontoloxía e Xeriatría, José Augusto García Navarro, así como do médico especialista en xeriatría, coordinador do programa ‘Memoria e Demencias’ do Concello de Malága, Director do Centro Municipal de Envellecemento Saudable e Presidente da Sociedade Andaluza de Xeriatría e Xerontoloxía, José Manuel Marín Carmona. Tamén xornalistas de medios de comunicación local achegarán o seu punto de vista.

Noticias relacionadas