Lara Méndez dá a benvida ao Centro de Emprendimiento Municipal a ECAL, unha academia de estudos aeronáuticos pioneira en Lugo

A alcaldesa lucense destacou a importancia desta iniciativa empresarial, que “axudará a crear emprego de calidade e a formar a mozos e mozas da nosa cidade ou arredores”.

Luns, 18 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez dá a benvida ao Centro de Emprendimiento Municipal a ECAL, unha academia de estudos aeronáuticos pioneira en Lugo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González Abelleira, celebraron hoxe a instalación no Centro de Emprendimiento Municipal (CEI-Nodus) de ECAL Lugo, “unha academia de estudos aeronáuticos pioneira na cidade, que encabeza un equipo de persoas moi cualificado e que xa desde mañá abrirá as súas para recibir aos seus primeiros alumnos”.

Esta iniciativa empresarial nace co fin de dar formación no sector da aviación comercial ou executiva, e faino cun enfoque totalmente novidoso, segundo lle trasladaron á rexedora os emprendedores Miguel Nogales e Pablo Varela. Lara Méndez felicitounos “pola valentía de poñer en marcha un negocio nestas circunstancias de postpandemia, do que sen lugar a dúbidas recolleredes éxitos, e que tamén axudará a crear emprego de calidade, que é unha das prioridades do Goberno local, a través da formación de mozos e mozas da nosa cidade ou arredores, algo moi importante nesta etapa de recuperación económica”.

Os emprendedores agradeceron as facilidades que dende o Concello se lles puxo en todo momento, e destacaron “a gran importancia dos viveiros de empresa como o CEI-Nodus, que actúan como instrumentos xeradores de emprego sostible, cunha alta taxa de supervivencia que supón un berce para novos negocios, que á súa vez axudamos a xerar riqueza e postos de traballo no municipio”.

Ecal Lugo ofrece clases que se adaptan ás distintas necesidades e niveis, desde titulacións oficiais a cursos complementarios do sector da aviación, como poden ser cursos de Tripulantes de Cabina de Pasaxeiros homologados; Silver Service e Aviación Executiva ou Imaxe Persoal e Protocolo.

Noticias relacionadas