Lara Méndez coordina coa Policía Local o control do inicio de curso escolar en apoio aos centros educativos da cidade

A alcaldesa mantiña  hoxe un encontro coa Xefatura do Corpo para organizar o dispositivo que velará pola seguridade da cidadanía no regreso ás aulas

A rexedora recibe estes días no Concello aos equipos directivos dos CEIPs para coñecer as súas necesidades nun ano académico marcado polas limitacións que impón o Covid

Martes, 08 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez coordina coa Policía Local o control do inicio de curso escolar en apoio aos centros educativos da cidade

O goberno de Lara Méndez vén de coordinar coa Policia Local o control do inicio de curso escolar, previsto para o día 10 de setembro.

A alcaldesa de Lugo mantiña hoxe un encontro co Xefe deste Corpo, Jesús Piñeiro, para abordar o dispositivo co que os axentes velarán pola seguridade da cidadanía no regreso ás aulas.

Así, a rexedora indicou “que, dende este xoves, non só se manterá a vixilancia habitual sobre a circulación e o acceso das familias ás instalacións educativas, senón tamén sobre que este se faga seguindo todas as recomendacións sanitarias impostas polo Covid e os protocolos establecidos por cada un dos centros”.

Lara Méndez sinalou que o control será maior naqueles colexios que “polas súas propias circunstancias de situación, estrutura do centro,  número de alumnos matriculados, etc… ofrecen unha maior complexidade na supervisión de todos os requisitos que cómpre ter en conta este ano, condicionado pola pandemia, así como as pautas que os equipos docentes foron elaborando e que algúns xa nos fixeron chegar, non así todos, ben porque aínda pode que as estean ultimando, ben porque non contan coas directrices oportunas por parte da consellería correspondente para poder establecelas”.

Neste senso a rexedora de Lugo puxo de manifesto que durante as pasadas semanas o seu contacto coa comunidade educativa está sendo continuo, “primeiro para comunicarlles o incremento de medios e efectivos de limpeza que se encargarán de desinfectar e hixienizar as escolas, logo para solicitarlles que nos deran traslado das medidas específicas que aplicarán para previr os contaxios e tamén, nas últimas xornadas, para recibir ás direccións dos CEIPs e coñecer, deste xeito, de primeira man as súas necesidades. A resposta, por parte do Concello, é de total colaboración e de disposición absoluta para atender todas aquelas demandas que estea na man da administración local darlles solución”, concluíu Lara Méndez.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o control do inicio do curso escolar | Descargar mp3

Noticias relacionadas