Lara Méndez anuncia o regulamento do fondo municipal para crear industria e emprego, ao que xa se presentaron 27 empresas

A alcaldesa de Lugo avanzou que a folla de ruta da Estratexia Lugo Transforma, que impulsa o Concello mobilizando de 12 millóns de euros, busca a máxima transparencia.

Os proxectos que queren instalarse na cidade están vinculados co sector da alimentación, saúde, mobilidade sostible, enerxía, xestión de residuos, aeronáutico e sector forestal.

A rexedora explicou que a xestora do fondo asesorará ás empresas nas áreas estratéxicas e financeiras, así como na aportación de contactos nacionais e internacionais.

Méndez lembrou que existe un compromiso de Feijóo para participar neste proceso de industrialización, “que mobiliza o Concello sen ser a nosa competencia, senón da Xunta”.

Martes, 15 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez anuncia o regulamento do fondo municipal para crear industria e emprego, ao que xa se presentaron 27 empresas

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, avanzou hoxe que un total de 27 empresas, procedentes de distintas partes de Galicia e de fóra da comunidade autónoma, se interesaron xa por instalarse na cidade a través do fondo municipal emprendedor da Estratexia Lugo Transforma. “Proxectos que están vinculados cos sectores da alimentación, saúde, dixitalización, mobilidade sostible, enerxía, xestión de residuos, aeronáutico e forestal, todos con interese por crecer en Lugo e crear empregos na cidade”, sostivo a rexedora.

Méndez comunicou estes datos na presentación dos avances para a posta en marcha deste fondo, unha iniciativa pioneira en Galicia no ámbito municipal na que o Concello destina o maior investimento da súa historia: 12 millóns de euros, co obxectivo de captar novos investimentos para a cidade e atraer empresas que contribúan a crear postos de traballo de calidade. A estratexia articularase a través da entrada temporal do Concello no capital de proxectos empresariais innovadores e que se “adecúen ao modelo de cidade sostible que representa Lugo”.

“Este forte interese empresarial amosa a alta a expectación creada por Lugo, e debemos ser optimistas tendo en conta que a xestora do Fondo, Torsa Capital, nin sequera comezou a funcionar, pendente da súa inscrición na CNMV, que será a finais de marzo ou principios de abril, e que, a partir dese momento deberá impulsar un investimento de un millón de euros mínimo nun prazo dun ano, mentres que o resto dos recursos económicos deberán desenvolverse durante os vindeiros 5 anos, ata o 2026”, sostivo Lara Méndez.

Neste senso, a alcaldesa destacou que, unha vez que estea en marcha este Fondo, “confío no apoio da Xunta de Galicia nesta aposta municipal pola reindustrialización de Lugo, un compromiso que adquiriu o presidente Alberto Núñez Feijóo comigo na última reunión que mantivemos, tendo en conta que os plans de  industrialización de Galicia son competencia exclusivamente autonómica e non municipal”.

A rexedora explicou, así mesmo, que proximamente será aprobado en Xunta de Goberno Local o  regulamento de xestión, que será administrado por Torsa Capital. “Trátase do documento que servirá como folla de ruta e guión para a consecución dos obxectivos finais, no que figuran as obrigacións da xestora do fondo, os órganos de goberno ou a política de inversións, entre outros aspectos”, incidiu, apuntando que “este regulamento garante a transparencia formalidade e consistencia de todo o proceso”.

O patrimonio inicial do Fobdo será de 12.130.000 euros, dos que 12 millóns proceden do Concello, como promotor do fondo, e 130.000 euros serán subscritos pola sociedade xestora (Torsa Capital). Esta comprométese a pechar antes do 5 de maio deste ano compromisos de inversión de partícipes privados que permitan ao fondo acadar o 100% do seu tamaño obxectivo (13 millóns de euros), conforme ao declarado na oferta presentada no proceso de licitación. “Así, o prego recollía a obligación de que, cando menos, un millón de euros sexa subscrito por partícipes privados e a sociedade xestora”, lembrou Lara Méndez.

A duración do fondo será ata o día 30 de xuño de 2031, aínda que poderá prorrogarse por seis meses máis dende esta data límite.

Asesoramento estratéxico e financeiro

O Fondo establecerá unha relación de asesoramento coas súas entidades participadas, realizando esta actividade a través da Sociedade Xestora. En particular, a Torsa Capital deberá realizar servizos de asesoramento ou de apoio necesario para contribuír ao desenvolvemento das entidades participadas, principalmente, nas áreas estratéxica e financeira, en temas como a formación e contratación de cadros directivos, análises de mercados, captación de recursos e introdución de contactos a nivel nacional e internacional.

“A meta é crear riqueza e tamén postos de traballo con vistas á recuperación económica de Lugo nesta etapa post-covid e, nada mellor que facelo dotándonos dunha ferramenta propia, moi poderosa, que diversificará o tecido produtivo local e servirá de impulso aos nosos sectores estratéxicos, aqueles que van en consonancia co Lugo moderno, sostible e á vangarda que estamos construíndo e que será capaz de xerar oportunidades de futuro para as nosas fillas e fillos”, concluíu a rexedora.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Lugo Transforma | Descargar mp3

Noticias relacionadas