Lara Méndez anima a coñecer as importantes novidades en coches ecolóxicos que se presentarán no XV Salón do Automóbil de Lugo

A cita automobilística regresa ao Pazo de Feiras e Congresos, logo de que a edición do 2020 tivera que suspenderse tralo decreto do primeiro estado de alarma pola Covid-19.

Lara Méndez: “É unha noticia moi positiva para a cidade, porque significa que seguimos avanzando na recuperación económica e na volta á normalidade trala pandemia”.

Será a 1ª cita con público que acolla este espazo expositivo, de máis de 10.000 metros cadrados, tralo inicio da crise sanitaria e contará con todas as medidas de seguridade.

Venres, 17 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez anima a coñecer as importantes novidades en coches ecolóxicos que se presentarán no XV Salón do Automóbil de Lugo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este venres na inauguración da XV edición do Salón do Automóbil de Lugo, co que colabora o Concello e que reunirá, dende hoxe e ata o vindeiro domingo, aos principais concesionarios da provincia. Serán un total de 20 distribuidores oficiais os que mostrarán as novas tendencias e modelos das principais marcas do sector, co obxectivo de favorecer a venda de automóbiles e dar a coñecer as súas novidades, coa exposición duns 300 vehículos novos.

Eses mesmos concesionarios repetirán a seguinte fin de semana, entre os días 24 e 26 coa celebración do salón do vehículo de ocasión e quilómetro cero, cunhas 400 unidades en exposición. Ambas citas regresan ao Pazo de Feiras e Congresos, logo de que a edición do 2020 tivera que susupenderse tralo decreto do primeiro estado de alarma pola Covid-19. Esta será, en efecto, a primeira cita con público que acolla este espazo espositivo, de máis de 10.000 metros cadrados, tralo inicio da crise sanitaria. Na inauguración de hoxe tamén participaron a deputada Ana Abelleira; o presidente de Aprevar, Luis Abelleira; e o xente do Pazo de Feiras e Congresos, Rubén López; xunto a outras autoridades.

Neste senso, Lara Méndez subliñou que “a celebración deste evento é unha noticia moi positiva para a cidade, porque significa que seguimos avanzando na recuperación económica, pero tamén na volta á normalidade trala pandemia e tamén na recuperación de actividades de ocio e socialización, imprescindibles para a saúde dos cidadáns”.

A rexedora apuntou que “o Salón do Automóbil é unha cita consolidada, que en cada edición atrae a miles de visitantes interesados na adquisición dun vehículo novo ou de ocasión e, por suposto, é un magnífico escaparate para os concesionarios da cidade, converténdose nun evento dinamizador do mercado automobilístico”.

“Proba disto é que na última edición celebrada, a do 2019, vendéronse un total de 287 vehículos e o volume de negocio superou os catro millóns de euros”, engadiu.

Así mesmo, a alcaldesa destacou “as novidades importantes no ámbito dos vehículos ecolóxicos que se poderán coñecer no salón” e destacou “a importancia de que este sector se sume á loita que nos incumbe a todos contra o cambio climático, pois é fundamental avanzar cara unha mobilidade máis sostible e iso tamén pasa pola innovación e a mellora da eficiencia enerxética no sector automobilístico”.

Pola súa parte, Ana Abelleira subliñou que “é un gusto poder volver a este Pazo logo máis dun ano sen actividade normal de feiras e estar aquí hoxe significa moito. Somos conscientes de que o sector viuse moi afectado tanto na produción de vehículos como na venda. Polo que estar hoxe aquí inaugurando un Salón do Automóbil é moi importante porque significa un revulsivo e un gran escaparate para conectar de novo coa sociedade e amosar todas as novidades”.

Co obxectivo de promover as ventas, ademais das ofertas exclusivas e descontos especiais que se poderán atopar nesta cita, realizaranse dous sorteos de 3.000 euros para todo aquel que adquira ou firme un compromiso de compra dun vehículo do salón que custe máis de 6.000 euros.

Horarios, prezos e medidas de seguridade

Durante os tres días de celebración do Salón do Automóbil de Lugo, do 17 ao 19 de setembro, as portas estarán abertas de 11:00 a 21:00 horas, en horario continuo. A entrada custará 3 euros e dará dereito tamén ao acceso á seguinte feira, o Salón do Vehículo de Ocasión, que se celebrará no mesmo espazo do 24 ao 26 de setembro. Os nenos ata 12 anos terán entrada gratuíta.

Durante ambas citas respetaranse todas as medidas de seguridade e prevención contra a Covid-19, seguindo os protocolos establecidos polas autoridades sanitarias. Así, o aforo reducirase ao 20% da capacidade do recinto, cun máximo de 500 persoas en simultáneo en cada pavillón. Ademais, será obrigatorio o uso da máscara en todo momento, haberá diferentes puntos de hixienización con xel hidroalcohólico e tomarase a temperatura a todos os asistentes á entrada.

Os accesos estarán sinalizados, de xeito que as entradas e saídas do recinto se realizarán por diferentes portas. Do mesmo xeito, deberase manter unha distancia de seguridade de 1,5 metros nas zonas máis concurridas e realizarase un control dos accesos e saídas para garantir o tránsito e evitar aglomeracións.

Multimedia

  • Lara Méndez anima a coñecer as importantes novidades en coches ecolóxicos que se presentarán no XV Salón do Automóbil de Lugo

Noticias relacionadas