A alcaldesa de Lugo da resposta así á petición da asociación de Lugo para dinamizar este sector económico e manter, ademais, a tradición gastronómica desta festa patronal.
Os interesados deberán presentar con carácter previo unha solicitude de ocupación da vía pública, que será atendida polo departamento da Policía Urbana.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acordou coa Asociación de Hostaleiros de Lugo, nunha reunión que mantivo co seu presidente, Cheché Real, atender á demanda do sector para instalar nas rúas da cidade caldeiros de polbo durante o vindeiro mes de outubro con motivo das festas do San Froilán.
Para tal fin, o procedemento habilitado será a presentación previa por parte dos interesados dunha solicitude de ocupación da vía pública, que será atendida polo departamento da Policía Urbana.
A rexedora da resposta desta maneira a unha demanda do sector que, este ano, a causa das medidas restritivas impostas pola Xunta para frear a propagación do virus COVID-19, atópase nunha difícil situación xa que non se celebrará o San Froilán como outros anos, sen casetas de polbo e sen barracas, para evitar aglomeración de cidadáns. Non hai que esquecer que noutras edicións, esta festa supoñía para a hostalaría e o comercio lucense un importante revulsivo económico.
Por iso, e sempre tendo en conta a obrigatoriedade de respectar as disposición marcadas polas autoridades sanitarias, o Concello permitirá que se instalen nas rúas os tradicionais caldeiros para que a xente poida, ou ben consumir o polbo nas terrazas ou ben levalo para as súas casas.
Lara Méndez destacou a necesaria colaboración entre institucións e colectivos para “xuntos, entre todos, paliar a difícil situación na que se atopa o tecido económico, especialmente aquel que crea miles de postos de traballo na cidade, como son a hostalaría ou comercio, buscando fórmulas de dinamización que permitan manter os empregos e, por tanto, a moitas familias”. Ademais, incidiu que, “aínda que o San Froilán non será este ano unha festa de masas como noutras edicións, é importante manter o seu espírito, e sen a esencia gastronómica, co polbo como produto principal, esta festa patronal perde unha importante tradición”.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre os caldeiros do polbo, do San Froilán | Descargar mp3