La Comedia de las Mentiras e La Judía de Toledo abren con éxito a XVIII Mostra de Teatro Clásico de Lugo

A programación continuará despois do Entroido, concretamente o 15 de febreiro, con Helena: xuízo a unha lurpia, de Miguel de Marco. A paixón da amante namorada do fermoso Paris co desafío e o rancor para con Zeus centran esta obra, da compañía Teatro do Atlántico

Luns, 05 de febreiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

La Comedia de las Mentiras e La Judía de Toledo abriron con éxito a XVIII Mostra de Teatro Clásico, que organiza a Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que dirixe Carmen Basadre, reunindo a un milleiro de persoas. A programación, que arrincou o pasado xoves, continuará despois do Entroido, concretamente o xoves, 15 de febreiro, con Helena: xuízo a unha lurpia, de Miguel de Marco. Ao longo de 60 minutos, o Auditorio Municipal Gustavo Freire manterá un encontro coa fermosa Helena, a filla de Zeus e Leda, a muller de Menelao, a amante de Paris. A paixón da amante namorada do fermoso Paris co desafío e o rancor para con Zeus centran esta obra, da compañía Teatro do Atlántico.

O domingo 18 será a quenda de Cervantina. A compañía Nacional de Teatro clásico en coproducción con Ron Lalá amosará distintas versións e direccións sobre texto de Cervantes. Unha festa de pezas breves que reúne sobre o escenario o mellor deste escritor, capaz de contaxiarelles aos espectadores a risa intelixente, sensible e fonda da máxima figura da literatura española.

As entradas para ambas as dúas obras, que serán a partir das 20:30 horas, aínda se poden adquirir na web www.entradaslugo.es, na Oficina Municipal de Turismo e no propio auditorio unha hora antes do comezo da representación.

No medio destas dúas representacións da sección oficial da mostra, o patio do Vello Cárcere converterase en escenario para acoller A Noiva de Don Quixote, de José Luis Esteban, onde Dulcinea se rebela contra a personaxe que Cervantes lle atribuíu na novela. Con humor, con ironía e con emoción desvela acontecementos que non aparecen no Quixote. 

Audio

  • Carmen Basadre, sobre a XVIII Mostra de Teatro Clásico de Lugo | Descargar mp3

Noticias relacionadas