Jorge Bustos recolle en Madrid o diploma de Festa de Interese Turístico Internacional concedido ao Arde Lucus

Bustos quixo compartir este recoñecemento “cos lucenses que cada edición e durante todo o ano traballan de forma infatigable para recrear con fidelidade as nosas orixes”.

Venres, 27 de setembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Jorge Bustos recolle en Madrid o diploma de Festa de Interese Turístico Internacional concedido ao Arde Lucus

O concelleiro de Deportes e Xuventude, Jorge Bustos, participou este venres no Teatro Real de Madrid no acto de entrega de diplomas ás festas de interese turístico nacional e internacional que obtiveron este recoñecemento en 2023 e 2024, organizado polo Ministerio de Industria e Turismo. Durante a cita, na que tamén participaron o ministro Jordi Hereu, e a Secretaría de Estado de Turismo, Rosario Sánchez, o edil recolleu o diploma que acredita ao Arde Lucus como unha das novas citas en estrear o distintivo internacional.

Bustos, quen recibiu o galardón da man de Hereu, quixo compartir este recoñecemento “con todos os e as lucenses que cada edición e durante todo o ano traballan de forma infatigable para recrear con fidelidade as nosas orixes”, especialmente coas “19 asociacións de recreación histórica que forman parte da organización dos festexos e que aglutinan a preto dun millar de socios e socias, así como cos diferentes sectores da cidade que colaboran activamente, os patrocinadores e tamén os centros educativos, así como o equipo técnico municipal que fai posible esta cita”.

“Precisamente polo grado de implicación de toda a cidadanía o Arde Lucus foi incrementando o seu éxito da man da aposta decidida que fixemos dende o Concello para recuperar o noso pasado romano tratando de mantelo vivo cunha recreación fidedigna pero, sobre todo, participativa e lúdica, exportando a imaxe máis positiva e cordial do noso municipio e dos e das lucenses”, lembrou Bustos.

O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo concedeu o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional á cita luguesa en marzo do ano pasado, logo de que a finais do 2022 o Concello iniciara a tramitación para acadar este distintivo.

O que comezou en 2002 como unha festa para incentivar o sector da hostalería do centro histórico, e que tan só duraba unha noite, non tardou moito en converterse nunha festa de recreación histórica, cun compoñente indentitario, patrimonial, cultural, lúdico e de dinamización económica que a fan absolutamente singular. Así, no ano 2003 ampliouse a súa duración a toda a fin de semana, comezando o venres pola tarde e finalizando o domingo pola noite. Hoxe en día, a festa arrinca xa o xoves. En 2011, foi declarada festa de Interese Turístico de Galicia e no 2017 conseguiu o recoñecemento de festa de Interese Turístico Nacional.

Unha vez transcorrido o prazo mínimo de 5 anos como Festa de Interese Turístico Nacional requirido para poder solicitar o seu recoñecemento internacional, o Executivo Municipal iniciou os trámites que concluíron coa obtención da mencionada distinción.

En total, son 19 asociacións as que forman parte da organización dos festexos e que aglutinan a preto dun millar de socios e socias: Ara Roma; Asamblearias Lucus Augusti; Caetra Lucensium; Civitas Lucensis; Clan de Breogán; Cohors III Lucensium; Guardia Pretoriana; Kertix; Lucus Equites; Lucus Icenas Miliatore; Lugdunum; Mercenarios Galaicos; Pax Romana; Salesiani Luci Augusti; Senatus Lucus Augusti; Terra Copora; Tir Na n'Og; Trebas Galaicas; Vestales Lucus Augusti.

Multimedia

  • Jorge Bustos recolle en Madrid o diploma de Festa de Interese Turístico Internacional concedido ao Arde Lucus
  • Jorge Bustos recolle en Madrid o diploma de Festa de Interese Turístico Internacional concedido ao Arde Lucus

Noticias relacionadas