Jorge Bustos: “Este Arde Lvcvs foi un éxito porque diversificamos os espazos da festa, atraemos a máis público familiar e melloramos a calidade”

O concelleiro de Xuventude considera que “volveuse demostrar porque é un dos mellores eventos de recreación histórica do mundo, que pese aos bos resultados, ten capacidade para seguir crecendo”.

O Servizo Municipal de Limpeza retirou uns 400.000 quilos de residuos, 30.000 máis que o ano pasado, grazas a un dispositivo de 95 operarios e uns 50 vehículos.

Tanto Policía Local como Bombeiros falan “dun Arde Lvcvs tranquilo e sen incidentes”, nunha cidade na que a ocupación hoteleira o sábado foi do 100% e de 90% os días previos.

Luns, 16 de xuño de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Jorge Bustos: “Este Arde Lvcvs foi un éxito porque diversificamos os espazos da festa, atraemos a máis público familiar e melloramos a calidade”

O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, encargado da organización do Arde Lvcvs calificou a edición que rematou onte de “auténtico éxito”, porque “conseguimos o noso principal obxectivo para este ano que era lograr diversificar a festa cunha maior carga de eventos de recreación histórica esparexidos por todo o Centro Histórico e as súas inmediacións”. Segundo sinala Bustos “este modelo permitiranos seguir crecendo como festa por dous motivos: atraendo ao público familiar con iniciativas como Miúdo Arde ou Misión Salvar a Roma, e, por outro, expande o radio de acción para crecer en futuras edicións con novas zonas urbanas onde programar máis actividades”. Neste sentido, o máximo responsable da organización e preparación da festa de recreación histórica, fai fincapé en que “era fundamental descentralizar o público para evitar as aglomeracións e permitir ampliar o noso horizonte”.

Para Jorge Bustos nesta edición do Arde Lvcvs “logramos incrementar a cantidade e o nivel dos seus eventos de recreación histórica o que nos fai aproximarnos ao obxectivo de lograr a excelencia conservando o carácter divulgativo do evento, que é a nosa sinal de identidade e evitando ademais que a súa esencia se perda como un simple evento de lecer nocturno”. Neste logro, foi fundamental a participación das asociacións de recreación histórica da cidade, cuxo número de membros non para de crecer con novas xeracións que se unen a este universo. “A súa participación é clave no noso crecemento e permítenos relacionarnos con outros eventos de nivel mundial”, explica o edil, quen tamén chamou a atención sobre o desenvolvemento do evento, que se celebrou con normalidade e sen incidentes.

Neste sentido, desde a Policía Local explican que “esta edición foi tranquila en termos xerais. Houbo algúns incidentes de tráfico e de auxilio a cidadáns por embriaguez pero, en xeral, foi un Arde Lcvcs bastante tranquilo, no que tanto lucenses como visitante amosaron, salvo casos puntuais, unha conducta cívica e respectuosa”. Nese correcto desenvolvemento da festa, tiveron moito que ver os dispositivos preparados para o Arde Lvcvs por parte de Policía Local, Bombeiros, Protección Civil e Servizo Municipal de Limpeza no denominado Plan de Auto protección. Ademais do dispositivo especial da Policía Local, con entre sete e dez patrullas durante as 24 horas, houbo reforzos policiais nos actos máis significativos da festa, tal e como fixeron tamén desde o servizo municipal de bombeiros. Neste caso, houbo oito efectivos de reforzo que se sumaron aos sete bombeiros do turno, durante as 24 horas das catro xornadas do Arde Lvcvs, o que permitiu que o evento transcorrera “con normalidade, sen avisos relacionados directamente coa festa. Tivemos unha asistencia médica por unha indisposición dunha persoa na castra, no Parque Rosalía, pero foron catro días bastante tranquilos nos que o dispositivo de reforzo funcionou”.

Tamén houbo reforzos no servizo municipal de limpeza, cun dispositivo especial de 95 operarios e operarias e o emprego de case 50 vehículos para garantir o bo estado das rúas e prazas da cidade e a continua recollida de lixo. De feito, calcúlase que durante estas catro xornadas de festa, retiráronse uns 400.000 quilos de residuos, 30.000 máis que o ano pasado.

A estes datos súmanse outros que dan idea do éxito da vixésimo cuarta edición desta festa, como a ocupación hoteleira rexistrada na cidade. Segundo a Asociación de Empresarios de Hostalería de Lugo, APEHL, o sábado foi do cen por cen, mentres que os días previos superou ás primeiras expectativas e acadou unha ocupación do 90 por cento.

Audio

  • O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, sobre o balance do Arde Lvcvs | Descargar mp3

Multimedia

  • Jorge Bustos: “Este Arde Lvcvs foi un éxito porque diversificamos os espazos da festa, atraemos a máis público familiar e melloramos a calidade”
  • Jorge Bustos: “Este Arde Lvcvs foi un éxito porque diversificamos os espazos da festa, atraemos a máis público familiar e melloramos a calidade”
  • Jorge Bustos: “Este Arde Lvcvs foi un éxito porque diversificamos os espazos da festa, atraemos a máis público familiar e melloramos a calidade”
  • Jorge Bustos: “Este Arde Lvcvs foi un éxito porque diversificamos os espazos da festa, atraemos a máis público familiar e melloramos a calidade”

Noticias relacionadas