I Semana Intercultural de Lugo: sete días para promover o consumo responsable e a convivencia pacífica

Ana Abelleira, Rosana Rielo e Marta Pérez presentaron a programación, que terá lugar do 8 ao 13 de maio. Engloba cine, concertos, contacontos, obradoiros e unha xornada sobre desenvolvemento sostible, entre outras actividades

Venres, 05 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
I Semana Intercultural de Lugo: sete días para promover o consumo responsable e a convivencia pacífica

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, a Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, e unha representante do colectivo Lugo Xusta, Marta Pérez, presentaron este venres, na Sala de usos múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a I Semana Intercultural de Lugo, impulsada pola entidade local e a asociación. Terá lugar do 8 ao 13 de maio, na Praza Maior, na Casa Consistorial e no Edificio de novas tecnoloxías, con actividades gratuítas para todos os públicos como cine, concertos, conferencias, obradoiros, exposicións ou contacontos. O último día, o sábado, celebrarase unha gran festa na Praza Maior, na que haberá un Mercado de comercio Xusto e Responsable e actividades diversas ao longo de toda a xornada.

Durante o acto de presentación, a edil convidou á cidadanía a participar nesta iniciativa que achega a Lugo unha chea de propostas de carácter ético e solidario co obxectivo de enxalzar a importancia de respectar os dereitos humanos, promover o consumo responsable e fomentar a convivencia pacífica.

Pola súa banda, Pérez agradeceu a colaboración e a participación do Concello para poder levar a cabo esta semana intercultural, na que se poderán coñecer culturas como a árabe, cubana, rioplatense ou africana, entre outras.

Xornada aberta de desenvolvemento sostible

Dentro desta programación, tal e como anunciou Rosana Rielo, quen lembrou que o Concello traballa para conseguir o título de Cidade polo Comercio Xusto, celebrarase a xornada  aberta Contribuíndo aos obxectivos de desenvolvemento sostible a través do consumo responsable e comerico xusto, o vindeiro mércores, 10 de maio, a partir das 16:30 horas no Edificio de Novas Tecnoloxías. Con ela, Concello e Lugo Xusta pretenden dar a coñecer experiencias que permitan desenvolver políticas comprometidas co desenvolvemento sostible local e mundial, co ánimo de favorecer actitudes solidarias entre a cidadanía, especialmente asociadas ao modelo de desenvolvemento sostible que precisa de respostas colectivas, tanto no plano público como no social e empresarial. Na xornada participarán David Comet, membro de IDEAS e coordinador da campaña Cidades polo Comercio Xusto, Paula López, da Universidade de Cantabria, Silvana Folgueira, da USC. e Marta Pérez. de Bico de Grao.

Máis info

Multimedia

  • I Semana Intercultural de Lugo: sete días para promover o consumo responsable e a convivencia pacífica

Noticias relacionadas