Gobernanza executou en 2021 96’24% do Plan Anual de Contratación previsto para ese ano coa tramitación de 128 expedientes

A cifra supera case nun 20% as licitacións do 2019 o que reflicte o alcance das medidas impulsadas por Lara Méndez ao inicio do mandato para mellorar a xestión municipal.

Do total dos procedementos, 47 se corresponden coa realización de obras, 37 coa contratación de servizos e outros 31 coa adquisición de subministros.

Venres, 21 de xaneiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Gobernanza executou en 2021 96’24% do Plan Anual de Contratación previsto para ese ano coa tramitación de 128 expedientes

A área de Gobernanza, que dirixe a tenente de alcaldesa Paula Alvarellos, tramitou en 2021 un total de 128 contratos de tipo maior, segundo o análise realizado ao Plan Anual de Contratación do Concello de Lugo.

Unha cifra de expedientes lixeiramente superior aos abordados durante o exercicio anterior (125 en 2020) e que supón un aumento próximo ao 20% con relación ao 2019 (que rondaba os 100), o que dá conta da eficacia das medidas de organización e mellora do funcionamento interno da Administración local adoptadas polo Executivo de Lara Méndez ao inicio deste mandato, con repercusión directa sobre a xestión municipal.

“En total, durante o ano pasado se iniciaron 128 procedementos de licitación, dos que 91 xa foron asinados e os restantes 37 se atopan, na súa maioría, nas últimas fases de valoración ou pendentes de adxudicar”, indicou Paula Alvarellos.

Deste cómputo final, 47 procesos se corresponden coa realización de obras, 37 coa contratación de servizos e outros 31 coa adquisición de subministros.

A responsable da área económica sinalou tamén que, “tendo en conta que no propio documento se prevía a realización de 133 contratos, a porcentaxe de execución sobre as estimacións realizadas alcanza o 96’24%, constatando así, alén, a capacidade inversora da Institución nun momento fundamental para a recuperación dos municipios e no que cómpre aproveitar, en prol desa dinamización, non só os recursos propios dos que dispoñemos senón tamén os fondos europeos que nos foron asignados”, engadiu a concelleira.

A edil de Gobernanza referiu, igualmente, que “se ben, no transcurso do 2021 foron descartándose algunhas das licitacións inicialmente contempladas (47 das 133), por cambios nas prioridades dos departamentos, pola aparición doutras necesidades derivadas do contexto social e sanitario actual, etc, se incorporaron a esa planificación outros 42 procedementos que non foran incluídos nun principio, compensando o número de adxudicacións estimadas e aproximando o cociente resolutivo ao 100%”, explicou Alvarellos Fondo.

“Pode ser o caso do aluguer e montaxe de estands para o San Froilán, que finalmente non se instalaron, mentres que se adquiriu un novo sistema de desinfección ultravioleta para a auga das piscinas municipais, se dotou de novas luminarias á zona rural e se mercaron dez marquesiñas do bus urbano ou se contrataron os espectáculos musicais para a Cabalgata de Reis que tivo que desenvolverse de xeito estático”, exemplificou a tenente de alcaldesa.

Paula Alvarellos avanzou tamén que “nestes momentos, os diferentes servizos preparan unha relación da actividade contractual a tramitar no ano en curso co fin de poder elaborar, a continuación, o Plan para o 2022. Unha guía coa que, dende o Goberno local, pretendemos extremar o rigor nas fases de planificación previas á licitación, evitando urxencias innecesarias na tramitación dos procedementos e propiciando a cobertura permanente das prestacións”, concluíu a titular de Gobernanza.

Noticias relacionadas