Finalizan as obras de mellora e humanización do Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX impulsadas polo Goberno de Lara Méndez

Estas actuacións enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea e ao 20% polo Concello de Lugo.

Os traballos que contaron cun orzamento de 204.248 euros incluíron a recuperación de camiños, muros e elementos singulares e a instalación de varandas, mobiliario urbano e iluminación respectuosa co entorno.

A veciñanza, peregrinos e usuarios das vías oficiais do Camiño Primitivo e a Vía XIX, é dicir, as sendas de Regueiro das Hortas, Rúa do Carme e Rúa Vicedo xa poden percorrer con máis seguridade por estes tramos.

Martes, 10 de agosto de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Finalizan as obras de mellora e humanización do Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX impulsadas polo Goberno de Lara Méndez

O Barrio do Carme acolleu no día de hoxe unha programación de actos para a veciñanza con motivo da finalización das obras de mellora e humanización do Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX no barrio do Carme. A alcaldesa de Lugo destacou que “hoxe é un día de gran satisfacción para todos os e as lucenses, pois estas actuacións son de especial importancia en canto a mellora que suporá para estes accesos, pensando tanto na propia veciñanza de Lugo, que poida gozar desta área con maior seguridade, como nos peregrinos que se acheguen á cidade”.

“As actuacións que buscan a mellora da conectividade desenvólvense nun dos barrios más emblemáticos e de maior beleza da cidade, O Carme, aproveitando que por el discorre o Camiño de Santiago e a Vía Romana XIX. Pero a estratexia tamén beneficia a área funcional do entorno fluvial do río, que inclúe as zonas de Recatelo, A Cheda, A Ponte – San Lázaro, O Carme, A Milagrosa, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, Abuin e Saamasas” explicaba a rexedora.

A xornada comezou na Praciña do Carme, cun percorrido guiado por Guido Guía, a través do Camiño Primitivo e a Vía XIX onde os asistentes puideron ver as diferentes actuacións de recuperación de camiños, muros e elementos singulares así como a instalación de varandas, de mobiliario urbano e dun sistema de iluminación mediante balizas, na contorna.

Acto seguido, os asistentes puideron gozar dunha exposición creada para a ocasión, que incorporaba información de interese das diferentes actuacións, todas elas enmarcadas na estratexia DUSI Muramiñae a través de paneis. Na mesma ubicación todos os veciños e veciñas de Lugo estiveron convidados a unha merenda saudable, en formato picnic ao tempo que gozaron de musica en directo da man de Sara Nebra, cantautora lucense que experimenta coa música popular galega e a modernidade da electrónica.

Melloras levadas a cabo:

As actuacións incluíron, ademais da recuperación dos camiños, unha serie de melloras na seguridade en diferentes puntos do trazado mediante a incorporación de alumeado público, sinalización do percorrido ou a recuperación dos pavimentos. Así mesmo, instaláronse varandas de madeira, a modo de protección, en diferentes localizacións, recolocaranse os bloques pétreos que foron movidos na intersección do Camiño Primitivo con Rolda do Carme e  revestíronse as escaleiras que comunican esta última coa Vía XIX cun material antiescorregadizo.

Debido a que en moitas zonas do trazado existian eivas de sinalización ou a actual se atopaba desfasada en canto a formato e indicacións, procedeuse tamén a colocar, entre outros elementos, tres paneis informativos, unha mesa interpretativa de granito e catro fitos pétreos sobre a Vía XIX, en consonancia con outros xa existentes na cidade. Estes dispoñen ademais, dunha placa en braille, en prol dunha maior inclusión.

Estas actuacións enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea e ao 20% polo Concello de Lugo, cuxa finalidade é integrar o Miño na cidade a través do Carme e facer así unha cidade máis verde, máis sostible e máis integradora. A rexedora aproveitou a ocasión para lembrar que “a través do DUSI xa levamos a cabo a melloras da calidade ambiental deste barrio, tales como a eliminación da contaminación acuática, a degradación paisaxística e os malos olores e agora damos un paso máis, cunha actuación que xa é unha realidade e suporá un antes e un despois para unha das zonas protexidas e de maior riqueza natural da nosa cidade”.

Multimedia

  • Finalizan as obras de mellora e humanización do Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX impulsadas polo Goberno de Lara Méndez

Noticias relacionadas