A Festa das Flores encherá de vida e colorido este xoves as rúas da Tinería nunha acción de fomento do comercio do barrio

A cita, enmarcada no movemento Localmente Lucense lanzado por Lara Méndez, enmárcase nas accións específicas para o desenvolvemento desta emblemática zona.

O evento contará cunha sesión vermú con dj, obradoiros e contacontos para crianzas, concursos, un mercadiño de flores, zancudos e actuación musicais.

Ana Abelleira: “Ademais de dinamizar a Tinería e os establecementos da zona, ofrecemos unha alternativa de ocio ás e aos lucenses de todas as idades”.

Martes, 23 de agosto de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Festa das Flores encherá de vida e colorido este xoves as rúas da Tinería nunha acción de fomento do comercio do barrio

O Goberno de Lara Méndez organizará este xoves na Tinería unha nova festa temática, a Festa das Flores, como unha das accións de dinamización específicas postas en marcha pola rexedora lucense para o desenvolvemento económico e social deste emblemático barrio da cidade. Esta iniciativa enmárcase no movemento Localmente Lucense que puxo en marcha o executivo municipal trala pandemia para encher de vida as rúas e barrios de Lugo, ao tempo que se dinamiza o comercio e a hostalería local.

A Festa das Flores, que se celebrará ao longo de todo o día, de 11:00 a 23:30 horas, contará cunha sesión vermú con dj, obradoiros e contacontos para crianzas, un concurso infantil de debuxos, un concurso de balcóns, un mercadiño de flores, paseos de zancudos e, como peche final, unha actuación musical.

“Con esta programación, ademais de dinamizar a Tinería e os establecementos que se atopan na zona, ofrecemos unha alternativa de ocio ás e aos lucenses de todas as idades, achegándolles obradoiros para aprender a crear xardíns de balcón ou a reciclar flores e materiais para a elaboración de perfumes; así como actividades para os nenos e nenas como un taller de postais florais con manualidades”, explicou Ana Abelleira, responsable de Desenvolvemento Local, área dende a que se organiza esta actividade.

“Por outra banda, contaremos con dous certames nos que os premios consistirán en vales para gastar nos establecementos adheridos ao movemento Localmente Lucense, polo que ao tempo que premiamos a participación dos cidadáns, estamos a impulsar a economía das pequenas e medianas empresas da cidade”, engadiu a edil.

Toda a información sobre o evento, así como as inscricións e as bases dos concursos poden atoparse na páxina web http://localmentelucense.gal/festadasflores/  

Concursos

O balcón das flores. As persoas e comercios do barrio da Tinería poderán inscribirse para participar neste concurso, antes da 12:00 horas do día do evento. Consistirá en decorar o chan do voladizo do balcón, colocar flores suspendidas, amarradas na reixa ou en guías pola fachada. Pódese empregar calquera material, pero as plantas deberán ser naturais, sexan de floración ou non , en substrato vexetal.

Valorarase non só a estética e a creatividade, senón tamén a sustentabilidade da intervención e a versatilidade da proposta en función da estación. Repartiranse tres premios: un primeiro premio consistente nun vale de 350 euros para gastar nos establecementos adheridos a Localmente Lucense, un segundo de 175 euros e un terceiro de 75 euros. Tamén haberá cinco accésits por valor de 25 euros.

Concurso infantil de debuxos de flores e xardíns. Os nenos e nenas de ata 11 anos, incluidos, poderán presentar as súas creacións en formato A4 cos seus materiais favoritos. Expoñeranse e sobre as votacións populares farase reconto para a entrega dos premios. O neno ou nena gañador terá un vale de 50 euros para gastar nos establecementos Localmente Lucenses e o segundo e terceiro clasificado recibirán un vale de 25 euros.

Programación

- De 11.00 a 21.00 h. Música e photocall

- De 11.00 a 12.00 h. Pasarrúas con carriño musical.

- De 11.00 a 14.00 h. Apertura do mercadiño de flores.

- De 11.00 h. a 12.00 h. Obradoiro “Xardinería de balcón”.

- De 12.00 h. a 13.30 h. Obradoiro infantil “Postais florais”.

- De 12.30 h. a 14.30 h. Paseo dos zancudos.

- De 13.30 h. a 15.30 h. Sesión vermú a cargo de DJ Alex Mei.

- De 17.00 a 21.00 h.  Apertura do mercadiño de flores.

- De 18.00 h a 19.30 h. Obradoiro infantil “Saquiños de perfume floral”.

- De 19.00 h a 21.00 h. Paseo dos zancudos.

- De 19.30 h a 20.30 h. Caxoto contacontos.

- De 20.30 h a 21.00 h. Deliberación do concurso “O balcón das flores”.

- De 21.00 h a 21.30 h. Deliberación do concurso infantil de debuxos.

- De 21.30 h. Entrega de premios.

- De 22.00 h a 23.30 h. Actuación musical de La Disquetera.

Noticias relacionadas