A cita, enmarcada na Capital da Cultura, terá lugar na Praza de Abastos e contará coa participación de recoñecidos cociñeiros e cociñeiras de Galicia e Portugal.
Lara Méndez convidou a toda a cidadanía a participar neste evento que incluirá degustacións, showcookings, zona de venda e obradoiros de cociña para crianzas.
Tamén haberá concertos, sesións Dj, e un espazo dedicado aos nenos e nenas. Toda a información pode consultarse na web www.lugacapitaldacultura.com

A Praza de Abastos de Lugo acollerá esta fin de semana a feira gastronómica Sabores do Eixo, enmarcada na programación da Capital da Cultura 2023. Así o avanzou a rexedora, Lara Méndez, quen convidou a toda a cidadanía a participar neste evento “para coñecer e catar produtos da eurorrexión e tapas de recoñecidos cociñeiros e cociñeiras galegas e portuguesas”.
A feira servirá, deste xeito, para poñer en valor e promover os produtos con denominación de orixe galego-portuguesa, a través de degustacións, zona de venda, showcookings en directo ou obradoiros de cociña para crianzas, entre outras actividades.
“O potencial culinario do noso municipio xa é recoñecido internacionalmente, pola riqueza e calidade da nosa cociña, evidenciada no famoso lema ‘E para comer, Lugo’, como tamén o é a gastronomía dos nosos veciños portugueses cos que compartimos gran variedade de ingredientes, que daremos a coñecer a través desta feira”, explicou a rexedora.
A gastronomía lucense caracterízase por unha combinación de tradición e modernidade, cun denominador común: a calidade dos produtos empregados na súa elaboración. Durante o evento, haberá unha ampla selección de produtos para á súa cata e adquisición, así como un espazo para os nenos e nenas e actuacións en directo que crearán un ambiente festivo durante as dúas xornadas.
Toda a información sobre esta cita, así como do resto de eventos e actividades da Capital da Cultura do Eixo Atlántico pode consultarse na web: www.lugocapitaldacultura.com onde se irá actualizando a programación.
Programación
Sábado
- 11.00h Apertura de stands de venda de produtos galaicos - portugueses.
- 11.30h Inauguración
- 12.00h Apertura da zona miúda.
- 12.30h Showcooking: cociña portuguesa de autor.
- 13.00h Apertura da zona de degustación.
- 13.00h Viño galego & viño portugués.
- 13.30h Showcooking: nova cociña galega.
- 14.00h Presentación dun produto galego.
- 14.30h Concerto Condensadores de Fluzo
- 17.00h Obradoiro de cociña para crianzas: coñecendo a francesinha.
- 18.00h Presentación dun produto portugués.
- 19.00h Duelo de cociñeiras/os Man a man na cociña: o bacalhau
- 20.00h Sesión DJ Fetén
Domingo
- 11.00h Apertura stands de venda de produtos galaicos - portugueses.
- 11.00h Obradoiro de cociña para crianzas: coñecendo a francesinha.
- 12.00h Apertura da zona miúda.
- 12.30h Showcooking: cociña portuguesa tradicional.
- 13.00h Apertura da zona de degustación.
- 13.00h Queixo galego & queixo portugués.
- 13.30h Showcooking: cociña galega tradicional.
- 14.00h Presentación dun produto galego.
- 14.30h Concerto Carta de Ajuste.
- 17.00h Obradoiro de cociña para crianzas: coñecendo a francesinha.
- 18.00h Presentación dun produto portugués.
- 19.00h Duelo de cociñeiras/os Man a man na cociña: o caldo.
- 20.00h Sesión DJ Fetén