Fallados os premios do VII Certame de Fotografía Revelando o Machismo, organizado polo Concello

O primeiro premio foi para a instantánea Violencia de Xénero do artista e veciño de Lugo, Roberto Mouriz Lamas, e o accésit recaeu na obra El Sueño Moderno, da tamén veciña lucense, Belén Mendaña del Río

Martes, 14 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Fallados os premios do VII Certame de Fotografía Revelando o Machismo, organizado polo Concello

O xurado do VII Certame de Fotografía Revelando o Machismo, organizado polo Concello e enmarcado dentro do III Plan de Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, reuniuse este martes, na Casa da Muller, para fallar este concurso. Estivo composto pola Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, a fotógrafa profesional, Victoria Rodríguez, a técnica da Casa da Muller, Belén Regueiro, e a representante do Foro de Igualdade, Maite Ferreiro, que tras valorar a calidade das fotografías presentadas, concedeu os distintos galardóns.

O primeiro premio foi para a instantánea Violencia de Xénero do artista e veciño de Lugo, Roberto Mouriz Lamas, premio dotado con 600 euros. O gañador ten como afección a fotografía e a súa principal motivación para participar neste concurso veu dada pola temática deste concurso, a igualdade e a repulsa á violencia machista.

O accésit recaeu na obra El Sueño Moderno, da tamén veciña lucense, Belén Mendaña del Río, que estudou realización e dirección de fotografía en cine e que recibirá un diploma acreditativo. Dedícase sobre todo á operación de cámara e montaxe de todo tipo de vídeos, aínda que tamén traballa ás veces como fotógrafa afeccionada.

Este ano presentáronse un total de sete traballos, todos eles alusivos á lacra que representa a violencia machista na sociedade. Os premios serán entregados o 25 de novembro, coincidindo coa conmemoración de Día Internacional contra a Violencia de Xénero, dentro da programación de actividades organizadas polo Concello.

Os traballos gañadores quedarán a dispor da entidade local, como organizadora do concurso, que poderá facer uso que se considere conveniente. As fotografías non premiadas poderán ser retirados polos seus autores ata o 31 de decembro deste ano.

Noticias relacionadas