Éxito do programa Inicia Coworking: o 70% dos emprendedores participantes teñen en marcha o seu negocio

A Alcaldesa participou na clausura da 3ª fase deste plan gratuíto de apoio ao emprendemento impulsado polo Concello e a Escola de Organización Industrial, que apoiou xa o lanzamento de 58 innovadores proxectos empresariais

Lara Méndez subliñou o compromiso do Goberno co emprego, ao que destina 3M€ nos Orzamentos. A día de hoxe, ten en marcha programas por máis de 2M€ que melloran as posibilidades de inserción laboral duns 250 lucenses no paro

Xoves, 20 de setembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Éxito do programa Inicia Coworking: o 70% dos emprendedores participantes teñen en marcha o seu negocio

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, xunto ao director de Desenvolvemento de PEMEs da Escola de Organización Industrial (EOI), Javier Benito, participaron este xoves na xornada de clausura da terceira fase do plan gratuíto de apoio ao emprendemento que impulsa o Concello en colaboración coa EOI. Méndez destacou o éxito sen paliativos desta iniciativa, pois o 70% dos 58 emprendedores e emprendedoras que participaron nas tres fases levadas a cabo teñen a día de hoxe o seu negocio en marcha e facturando. A rexedora puxo en valor ademais que desas empresas en activo, máis da metade son impulsadas por mulleres.

O plan está contribuíndo deste xeito a “fortalecer e facer máis competitivo o tecido empresarial lucense, ademais de crear emprego”. Méndez subliñou neste senso o compromiso do Goberno co emprego, eido ao que destina 3M€ nos Orzamentos. “Aínda non tendo as competencias, pois son da Xunta e do Estado, seguiremos investindo e captando fondos para favorecer a inserción laboral mentres quede un só lucense no paro, como parte do noso modelo de cidade, pensado nas persoas e para as persoas”. “A día de hoxe, en Lugo hai 6.040 persoas sen emprego, o 58% delas mulleres, e faremos todo o esforzo posible para paliar esta situación”, recalcou.

De feito, a día de hoxe están en marcha programas por importe de máis de 2M€, que melloran as posibilidades de inserción laboral duns 250 lucenses no paro. Xunto ao Inicia Coworking (dotado con 800.000€), o Concello desenvolve Empregalia (con 644.000€), o plan Mellora Lugo (380.000€) e obradoiros de emprego (443.000€), ademais do viveiro de empresas a pé de rúa que está a crear no barrio da Tinería, de cuxos adxudicatarios deu precisamente conta esta mañá a Alcaldesa, e que vén a reforzar o papel de apoio ao emprendemento que xa exerce o CEI Nodus dende hai 14 anos. Así mesmo, está pendente de resolución a candidatura a fondos europeos a través do plan EmPodérate, dirixido a colectivos en risco de exclusión social (mulleres, mozos, parados de longa duración e minorías étnicas), con 2M€ de investimento e 300 beneficiarios.

A Alcaldesa destacou tamén as sinerxias que xorden en torno a todas estas iniciativas municipais. Por exemplo, os participantes no Inicia Coworking solicitaron, e nun caso resultou adxudicatario, os locais comerciais do viveiro de empresas da Tinería para continuar coa súa actividade.

De novo, iniciativas innovadoras

As ideas de negocio da 3ª fase do Inicia Coworking, como nas anteriores edicións, son innovadoras. Van dende o turismo a cosmética bio, organización e presentación de eventos, portal sobre o mundo ecuestre, xestión integral de proxectos asistenciais para persoas maiores, arte intuitivo, consultoría de eficiencia enerxética e enerxías renovables, apoio/acompañamento a peregrinos franceses polo Camiño, ocio educativo, adestramento canino ou elaboración de bolsas reutilizables de teas naturais e recicladas, e arte.

Apoio gratuíto e integral

O programa Inicia Coworking ofrece de xeito gratuíto apoio integral, individual e personalizado aos emprendedores e emprendedoras de Lugo para poñer en marcha a súa empresa ou abrir novas vías de negocio, asegurando así a súa viabilidade tanto técnica como económica. O de Lugo é un dos máis de 50 Coworking que a EOI ten en España para emprendedores, co obxectivo de facilitar o desenvolvemento dos mellores proxectos empresariais presentados.

Conta cun orzamento de 800.000€, cofinanciados polo Concello e a Escola de Organización Industrial.

O programa consta de catro fases, das cales tres xa remataron. A última desenvolverase entre finais deste ano e principios do que vén. En total, beneficiará a 80 proxectos e un máximo de 260 persoas.

Noticias relacionadas