A Escola Municipal de Música incorporará máis material así como equipamento para crear un estudo de gravación

Manuel Núñez informou de novas inversións nesta escola, que supoñen máis de 24.000 euros e que se suman aos 37.200 euros que destinou a estas instalacións a entidade local durante o 2016

Saxos, trombóns, clarinetes, bombardinos, trompetas, trompas ou frautas son algúns dos materiais, que se incorporarán ao futuro banco de instrumentos. Ademais, tamén se mercaron monitores, micrófonos e un sistema acústico

Sábado, 26 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, deu conta da adquisición de diverso material e equipamento para a Escola Municipal de Música de Lugo, coa que o Concello realiza novas inversións por un importe de máis de 24.000 euros. Deste xeito, a entidade local pretende mellorar a impartición das distintas materias e que esta escola conte cun estudo de gravación para fortalecer a calidade da educación que recibe o alumnado.

Entre o último material que se adquire, atópanse varios instrumentos, tales como 3 saxos, 3 trombóns, 5 clarinetes, 2 bombardinos, 1 tuba, 4 trompetas, 2 trompas, 3 packs de percusión e 2 frautas, que se incorporarán ao futuro banco de instrumentos, por un importe de case uns 10.000 euros, segundo informou o edil. Ademais, tamén se mercaron monitores para a big band da escola e diverso material para preparar un estudo de gravación, como micrófonos e un sistema acústico, nos que se invisten preto de 14.700 euros.

Esta cantidade súmase aos 37.200 euros que destinou durante este ano o Concello a mellorar o equipamento desta escola, que conta con máis de 700 alumnos e 1.000 matriculados, cunha lista de espera de 400 persoas. Deste xeito, os alumnos matriculados poderán facer uso dos novos equipamentos que a Escola Municipal de Música poñerá á súa disposición, co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades.

Noticias relacionadas