Danza e música tradicional galega na xornada de mañá do Día das Letras Galegas, na Praza Maior

Os máis cativos e cativas de Lugo serán os protagonistas da cita, participando ao redor dun cento de alumnas e alumnos dos colexios da cidade, ademais do alumnado da Escola Municipal de Música, así como nenos e nenas de ASPNAIS 

En xornada de tarde, 9 corais cantaranlle ás letras no Paseo Literario de Lugo, dende as 18:00 horas

Luns, 13 de maio de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo organiza un ano máis, dende a área municipal de educación, o Festival de danza e música tradicional das nenas e nenos de Lugo con motivo do Día das Letras Galegas. A programación é a seguinte:

12:45 horas: Desfile, na Praza Maior, das nenas e nenos dos colexios Anexa, Menéndez Pelayo, Illa Verde, Luis Pimentel, Rosalía de Castro e Sagrado Corazón, de baile tradicional galego, acompañados polo grupo de pandereteiras da Escola Municipal de Música de Lugo.

13:00 horas: Exhibición de baile tradicional galego por partes das nenas e nenos dos colexios da cidade, acompañados pola actuación do grupo tradicional da Escola Municipal de Música de Lugo na Praza Maior.

Os máis cativos e cativas de Lugo serán os protagonistas desta cita, pois no festival participarán ao redor dun cento de alumnas e alumnos dos colexios da cidade, ademais do alumnado da Escola Municipal de Música de Lugo, así como nenos e nenas de ASPNAIS.

Estas actividades súmanse ás programadas pola entidade local dende a área de cultura en xornada de tarde. Concretamente serán actuacións musicais, que arrincarán ás 18:00  horas, e recorrerán a rúa Bispo Aguirre e a Praza Maior, seguindo o paseo literario que existe nestes espazos. Actuarán 9 agrupacións: a Coral Lugh, a Coral Xolda, o Orfeón Lucense, o Coro do Hospital, a Coral E. do Miño, Cantar Delas, a Asociación Amigos do Camiño, Orfeón Xoán Montes e o Grupo Solo Voces. Terá unha duración de 90 minutos e contará co xornalista Paco Nieto como presentador do concerto.

As obras que interpretán son as seguintes: en primeiro lugar, diante da estatua de Álvaro Cunqueiro, a Coral Lugh cantará Quen puidera namorala e O sol da primavera. En segundo lugar, diante de Uxío Novoneyra, a Coral Xolda entoará Compañeira e Sementeira; en terceiro lugar, diante de Curros Enríquez, o Orfeón Lucense interpretará A nena na fonte e O meu amor é mariñeiro; en cuarto lugar, na estatua de Otero Pedraio, o Coro do Hospital actuará cos pezas Ai, flores de verde pino e Canción do temporal. Xa en quinto lugar, diante de Eduardo Pondal, será a quenda da Coral E. do Miño, con Paxaro que vas voando e Lonxe da terriña. Continuando, diante de Rosalía de Castro, Cantar Delas actuará coas pezas Do mar pola orela e Os teus ollos. Diante de Valle Inclán, Amigos do Camiño interpretará Meus amores e Merla merlina. En octavo lugar, na estatua de Castelao, o Orfeón Xoán Montes cantará Vento mareiro e O cuco. Xa por último, ante a estatua de Manuel María, Solo  Voces entoará Terra Chá e O Cuco.

Ao rematar, todas as mulleres pertencentes ás corais actuantes interpretarán O pensar do labrego, e logo, todos os homes intepretarán a peza Lonxe da terriña. A continuación as corais participantes, todas xuntas, cantarán Negra Sombra e logo o Himno Galego. Estas actuacións conxuntas faranse nas escaleiras do fondo da Praza Maior.

Noticias relacionadas