Concello e Deputación organizan un campamento de teatro gratuíto para os máis cativos

Esta programación celebrase entre os días 30 de xullo e 31 de agosto e está dirixida a rapaces de 7 a 14 anos . En www.deputacionlugo.gal hai un espazo habilitado para consultar toda a información sobre a programación e as inscricións para participar

Martes, 24 de xullo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Deputación organizan un campamento de teatro gratuíto para os máis cativos

Esta programación celebrase entre os días 30 de xullo e 31 de agosto e está dirixida a rapaces de 7 a 14 anos . En www.deputacionlugo.gal hai un espazo habilitado para consultar toda a información sobre a programación e as inscricións para participar

Ademais, haberá unha masterclass coa actriz Marta Larralde na que explicará a súa experiencia no mundo da interpretación. Estará aberta ao todo o público en xeral

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, e a Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García, presentaron este martes, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, a programación gratuíta que Concello e Deputación ofrecen dende o 30 de xullo ata o 31 de agosto en Lugo. Trátase dun campamento de teatro, totalmente gratuíto, dirixido a nenos e nenas de entre 7 e 14 anos. Terá lugar no casco histórico da capital lucense.

No acto, Ana Abelleira convidou aos máis pequenos e pequenas da casa a participar neste campamento urbano “que permite desfrutar a todos os asistentes de actividades lúdicas e gratuítas, e tamén compartir hábitos saudables ao aire libre polas prazas e rúas de Lugo”.

Pola súa banda, Pilar García remarcou que “con este campamento de teatro gratuíto ofrecese aos participantes achegarse a esta actividade dunha forma lúdica e divertida entrando en contacto coas súas diferentes disciplinas a través de xogos e métodos pedagóxicos que contribúen á súa formación. Ademais, os asistentes intercalarán probas con xogos e talleres como a caracterización de personaxes, probas de vestiario, mímica, improvisación teatral, así como a incorporación de música e danza en cada sesión”.

A Deputada avanzou tamén que “con esta iniciativa ofrecemos a todas as familias que participan unha alternativa lúdica ao aire libre, que contribúe a conciliar a vida laboral e familiar nesta época estival. Polo tanto, tamén damos resposta a unha demanda da poboación que precisa compaxinar o traballo coa crianza dos fillos e das fillas”, sinalou.

O Campamento divídese en 4 grupos, e as e os interesados en participar poden anotarse segundo a súa preferencia:

  1. Grupo 1: 30 xullo – 14 de agosto na Praza da Soidade, dende as 9:00 a 13:00 horas
  2. Grupo 2: 30 xullo – 14 de agosto na Praza Maior, dende as 16:00 a 20:00 horas
  3. Grupo 3: 16 de agosto - 31 de agosto na Praza da Soidade, dende as 9:00 a 13:00 horas.
  4. Grupo 4:  16 de agosto - 31 de agosto na Praza Maior, dende as 16:00 a 20:00 hora

Inscricións

Todos as persoas interesadas en participar deben cubrir a solicitude colgada na web da Deputación; http://www.deputacionlugo.org, e presentala no rexistro da Deputación. Para realizar calquera consulta está dispoñible o teléfono 982 260 180, ou o correo electrónico: ana.culturaedeporte@deputacionlugo.org. A selección será por rigorosa orde de entrada das solicitudes. Esta programación gratuíta celebrase entre os días 30 de xullo e 31 de agosto. En caso de malas condicións meteorolóxicas, as actividades programadas trasladaranse á Sala de Exposicións da Deputación.

Masterclass gratuíta coa actriz Marta Larralde        

Marta Rivera Larralde (Vigo, Pontevedra-1981) é unha actriz galega que participará nunha masterclass gratuíta con todos os asistentes a este campamento urbano de teatro. Larralde acaba de protagonizar na serie Fariña, o papel de Nieves, a primeira esposa que tivo Sito Miñanco. Esta cita será gratuíta e estará aberta ao público en xeral. Nela a actriz explicará aos asistentes a súa experiencia no mundo da interpretación.

Clases prácticas

Todas as actividades deste campamento urbano de teatro realizaranse a través dunha metodoloxía lúdica, activa e participativa. En cada xornada os asistentes intercalarán probas a través de xogos e talleres relacionados co teatro, como por exemplo a caracterización de personaxes, probas de vestiario, mímica, improvisación teatral, así como a incorporación de música e danza en cada sesión.

Noticias relacionadas

Directorio