Concello, Deputación, Xunta e USC financian con preto de 900.000 euros as obras de modernización do Hospital Veterinario Rof Codina

Estas actuacións son necesarias para que o Hospital Veterinario Universitario de Lugo continúe sendo un centro de referencia en Europa, así como para que a Facultade de Veterinaria renove a súa acreditación internacional no 2018

Os Gobernos de Concello e Deputación invisten preto de 1,2 millóns de euros de fondos propios para que, precisamente, dita facultade manteña esta distinción

Os Executivos Municipal e Provincial achegan, conxuntamente, 185.000 euros á remodelación do Rof Codina e xa investiron 350.000 no CEBIOVET

Mércores, 15 de febreiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello, Deputación, Xunta e USC financian con preto de 900.000 euros as obras de modernización do Hospital Veterinario Rof Codina

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Deputación, Darío Campos, e xunto ao Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, o Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno, e o Xerente da Fundación Rof Codina, Luis Felipe de la Cruz, presentaron este mércores o proxecto de remodelación do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina.

Fixérono tras asinar o contrato das obras, dotadas de 877.336 euros e financiadas polo Padroado de dita fundación. Este está integrado por Concello, Deputación, USC e Secretaria Xeral de Universidades. As achegas a estas actuacións correspóndense coas cotas de participación no Padroado de cada institución, sendo as seguintes: Concello de Lugo, 92.500 euros; Deputación, 92.500 euros; USC, 185.000 euros; Secretaria Xeral de Universidades, 370.000 euros.

Este ano, Concello e Deputación achegan 370.000 euros ao Rof Codina
Os Gobernos de Concello e Deputación achegan conxuntamente este ano un total de 370.000 euros ao Rof Codina. Pois, ademais das aportacións para as obras da súa remodelación, destinan outros 185.000 euros, a partes iguais, para o funcionamento do Hospital Veterinario Universitario do Campus de Lugo.

Acreditación Internacional de Veterinaria
As actuacións de remodelación do Rof Codina de 877.336 euros baséanse na modernización dunhas instalacións construídas hai máis de 30 anos, adaptándoas aos estándares de calidade esixibles co obxectivo de que o Hospital Veterinario de Lugo continúe sendo un centro de referencia a nivel europeo, así como que a Facultade de Veterinaria renove no 2018 a súa acreditación internacional. Será nesta data cando teña lugar a visita a Lugo da Comisión da European Association of Establishments for Veterinary Education (EAEVE).

Colaboración de 1,2 millóns de Concello e Deputación
Os Gobernos de Concello e Deputación colaboran con case 1,2 millóns de euros de fondos propios para que a Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo renove a súa acreditación internacional. Deste xeito, o Executivo Provincial inviste, ademais dos 92.500 euros para as novas obras no Rof Codina, outros 650.000 euros para a creación dunha granxa experimental na Granxa Gayoso Castro, tamén necesaria para garantir esta distinción. Nestas instalacións, os profesionais e alumnos do Campus Terra desenvolverán actividades docentes e proxectos de investigación para reducir custos na produción de leite e introducir as novas tecnoloxías neste proceso co fin de mellorar a calidade de vida dos seus profesionais.

A este orzamento da Deputación de 650.000 euros para a granxa experimental, engádense os 160.000 euros que achegou ao CEBIOVET, un centro con actividade diferenciada dentro do Hospital Veterinario que supuxo no seu día a remodelación completa dos pavillóns de hospitalización, corentena e experimentación animal.

Pola súa banda, o Goberno municipal lugués colaborou, ademais de cos 92.500 euros para a remodelación do Hospital Veterinario, con outros 190.000 euros tamén para o funcionamento de dito Centro de Investigación en Biomedicina e Veterinaria.

Cómpre destacar que a Deputación cedeu gratis ao Campus de Lugo unha parcela de máis de 18.000 metros cadrados, que é onde se sitúa o conxunto destas instalacións; e que o Concello de Lugo fixo o mesmo cos viais necesarios.

Obras de remodelación
As obras de remodelación do Hospital Veterinario, que se executarán este 2017, tendo un prazo máximo de execución de 12 meses, implicarán melloras como a creación de novas salas de hospitalización. O proxecto inclúe a reestruturación de espazos interiores; a renovación de acabados, de tomas de osíxeno, de protección contra incendios e de control de accesos, entre outros;ademais da dotación de novos elementos de ventilación e climatización conforme á normativa actual.

Multimedia

  • Concello, Deputación, Xunta e USC financian con preto de 900.000 euros as obras de modernización do Hospital Veterinario Rof Codina

Noticias relacionadas