A cidade de Lugo acollerá o 21 de maio a primeira carreira Diversicorre Color Run

Carmen Basadre animou a toda a cidadanía a inscribirse ata o 17 de maio a través da páxina web da Federación Galega de Atletismo e a participar neste evento solidario a prol da igualdade e a diversidade

Mércores, 11 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A cidade de Lugo acollerá o 21 de maio a primeira carreira Diversicorre Color Run

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o Vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, o Deputado da Área de Promoción Económica e Social da Deputación, Álvaro Santos, e as representantes das asociacións organizadoras da proba, Cristina Palacios de Arelas, Ángela López de Alucem e Lucía González da asociación Enriqueta Otero, presentaron a primeira carreira Diversicorre Color Run.

O sábado, día 21, disputarase en Lugo esta carreira - andaina solidaria a prol da igualdade e a diversidade. As actividades comezarán  ás 16:00 horas coa saída das categorías alevín e infantil. Tan só quince minutos despois tomarán a saída os competidores das categorías adulta e cadete, que realizarán unha carreira de 5 quilómetros. Ás 18:15 horas terá lugar unha andaina sobre un circuíto de 500 metros. Tamén terán cabida as andainas para as categorías pitufos que percorrerán 50 metros e os benxamíns que realizaran un percorrido de 100 metros.

Os circuítos realizaranse na cidade de Lugo e contarán con un percorrido con saída e chegada na Praza Maior e que continuará por Ramón Ferreiro e dará a volta a Muralla de Lugo. Á chegada a meta, cada participante recibirá unha bolsiña con pos de cores para lanzala polo aire, “co fin de demostrar nun acto simbólico que as cousas non son brancas ou negras, e que todas as persoas deben ter as mesmos dereitos e oportunidades respectando todas as diversidades” afirmou a organizadora da proba, Cristina Palacios.

Os participantes adultos da proba deportiva deberán pagar o prezo de inscrición de 5 euros, e para inscribirse teñen de prazo ata o 17 de maio a través da páxina web da Federación Galega de Atletismo, entidade encargada do control técnico e da organización material da carreira.

Esta primeira Diversicorre é moito máis que unha proba deportiva, pois tamén será un acto cultural e festivo no que os participantes e público en xeral contarán con diversas actuacións musicais e de baile. Todas estas actividades terán como fin  a promoción da igualdade de dereitos das persoas así como reivindicar a igualdade de oportunidades e o respecto a diversidade humana.

No acto de presentación, a Concelleira de Cultura, Turismo Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, destacou a importancia de realizar actividades como estas, xa que a “sociedade ten que seguir avanzando cara a igualdade de oportunidades e dende o respecto á diversidade”, ademais de animar a toda a cidadanía a inscribirse e a participar neste evento solidario.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos, cualificou esta iniciativa como pioneira en Galicia, e asegurou que cumpre unha dobre función, xa que por un lado "realizase unha actividade lúdico deportiva e por outro está a parte reivindicativa de igualdade de oportunidades e respecto á diversidade". A área e Benestar da Deputación colabora neste evento coa organización da carreira de Atletismo, que organiza a Federación Galega, e a Fundación TIC coa gravación deste encontro.

Finalmente o Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos e Deporte, Antonio Veiga, felicitou ás entidades organizadoras da proba “por ser quen de xuntar nun mesmo acto tantas temáticas diferentes como é o deporte, a cultura ou a promoción turística de Lugo, co fin primordial de reivindicar unha serie de valores básicos en calquera sociedade democrática como é a igualdade e os dereitos sociais de todas e cada unha das persoas, respectando a pluralidade e a diversidade da poboación”.

Noticias relacionadas