O nome foi decidido mediante unha consulta pública aberta, que contou coa participación de 3.007 veciñas e veciños de Lugo.
Fuxan os Ventos, fundado en Lugo en 1972, deixou unha pegada imborrable coa súa contribución á lingua, á cultura e á música galega.
"Aínda que, como alcaldesa, tiña a potestade de elixir o nome, optamos por un proceso participativo que reflicte a vontade da cidadanía e aposta pola transparencia e o consenso social", destacou Paula Alvarellos.

A cidadanía lucense escolleu Fuxan os Ventos como nome do novo auditorio municipal, que abrirá as súas portas este venres 20 de decembro cunha actuación especial de Ainhoa Arteta. A elección, realizada mediante unha consulta pública, rende homenaxe ao emblemático grupo musical lucense, símbolo da lingua e da cultura galega.
"Hoxe é un día moi especial para Lugo. O novo auditorio municipal, que abrirá as súas portas o vindeiro 20 de decembro, xa ten nome. E o nome elixido, de forma libre e participativa pola cidadanía lucense, é Fuxan os Ventos", afirmou a alcaldesa Paula Alvarellos.
A consulta pública, que contou coa participación de 3.007 persoas empadroadas en Lugo, reflectiu a vontade maioritaria da veciñanza. Fuxan os Ventos foi a opción máis votada, cun total de 1.966 votos, o que representa algo máis do 65% das preferencias. As demais propostas obtiveron os seguintes apoios: Darío Xohán Cabana recibiu 542 votos, Maruja Mallo sumou 370 e Maruja Villanueva acadou 129. "Este nome reflicte a vontade das veciñas e veciños de Lugo, que tiveron a oportunidade de decidir o nome desta nova dotación con total liberdade. Un exemplo de transparencia e de consenso social, que queremos que sexa tamén un sinal distintivo deste auditorio e da xestión do noso goberno", subliñou Alvarellos.
O nome recoñece a traxectoria dun dos grupos máis emblemáticos da música galega, fundado en Lugo en 1972. "Con esta elección, recoñecemos o legado dun grupo que, co seu compromiso coa lingua, a cultura e a música galega, deixou unha pegada imborrable na nosa historia. O seu repertorio, baseado en composicións propias e adaptacións de grandes poetas galegos, reflicte a nosa identidade colectiva", explicou a rexedora.
Alvarellos tamén agradeceu a participación e o apoio da cidadanía neste proceso, destacando o valor de todas as propostas finalistas. "Cada unha das opcións representa parte da nosa riqueza cultural. Maruja Mallo, Maruja Villanueva e Darío Xohán Cabana tamén simbolizan a diversidade e o talento que nos definen como cidade", destacou.
Programación inaugural e contratación de Ainhoa Arteta
A programación inaugural do novo auditorio celebrarase ao longo de tres días e contará con artistas de primeiro nivel. O venres 20 de decembro, Ainhoa Arteta abrirá o espazo cun concerto especial, mentres que o sábado 21 será a quenda da Orquestra Terra Nova, composta por case 150 músicos e coristas, que ofrecerán un espectáculo único co talento local como protagonista. O domingo 22, Ainhoa Arteta volverá ao escenario para pechar esta inauguración cunha segunda actuación que promete ser inesquecible.
A contratación da soprano realizouse por un importe total de 39.930 euros (IVE incluído) mediante un procedemento negociado por razón de exclusividade artística. Esta decisión tomouse pola indiscutible calidade de Arteta como unha das sopranos máis recoñecidas a nivel internacional, cunha longa traxectoria en escenarios de renome como Nova York ou París. A súa presenza encaixa co obxectivo de dar ao auditorio un inicio que reflicta a súa relevancia cultural e arquitectónica, garantindo ademais un prezo axustado aos estándares do mercado.
Audio
- A cidadanía lucense elixe Fuxan os Ventos como nome do novo auditorio municipal | Descargar mp3

