Caudal Fest vende máis de 6.000 entradas en menos de 24 horas

Desde hoxe en adiante, as entradas do festival pasan a estar ao seu prezo final de 35€ máis gastos, que pasarán a ser 39€ en taquilla durante o festival

Mércores, 25 de xullo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Caudal Fest vende máis de 6.000 entradas en menos de 24 horas

O festival recentemente anunciado Caudal Fest 2018, que terá lugar os próximos 21 e 22 de setembro en Lugo, vendeu máis de 6000 entradas nas primeiras 24 horas nas que estiveron dispoñibles á venda.
Tras unha primeira oferta de entradas a 25€ que tardaba apenas uns minutos en esgotarse, o público pasaba a ter dispoñible unha segunda oferta por tempo limitado a 30€ que se esgotou ás 23.59 de onte chegando á cifra de 6000 entradas vendidas, todo un fito para a capital galega. Desde hoxe en adiante, as entradas do festival pasan a estar ao seu prezo final de 35€ máis gastos, que pasarán a ser 39 en taquilla durante o festival.
O festival anunciará a súa programación completa por días proximamente. O Concello de Lugo quere transmitir o agradecemento pola confianza que todas aquelas persoas que mercaron o seu abono depositaron nesta iniciativa turístico cultural, co que Lugo cumpre as gañas dun macrofestival urbano, cunha programación moi coidada, pensado para varios públicos, de proxección internacional e de grandes dimensións.
De agora en adiante queda moito traballo para que o Caudal Fest sexa a mellor experiencia do ano para todos e cada unha das persoas asistentes durante esta primeira edición e chegue a Lugo para quedarse.
O festival está subdivido en dúas xornadas: unha de balde, o venres 21 de setembro, e unha de pago, o sábado 22; en dous espazos máis que privilexiados e únicos da cidade. Concretamente, o segundo terá lugar na contorna do río Miño, o que converterá ao Caudal Fest nun dos festivais urbanos con máis atractivo medioambiental. Apóstase, deste xeito, pola revitalización desta zona verde e fluvial da cidade, co obxecto de que Lugo deixe de darlle ás costas ao río e mire, en termos de desenvolvemento, cara o Miño. Ademais, na liña de seguir poñendo en valor o casco histórico da cidade, o venres os concertos serán na Praza de Santa María.

Co Caudal Fest, Lugo agarda un fito de programación cultural que xerará ademais un retorno mediático, completando a axenda de actividades culturais que ofrece o municipio ao longo do verán e de todo o ano.  Supón tamén completar a oferta cultural festivaleira de Galicia, en auxe nos últimos anos, e situar a Lugo dentro do mapa nacional e internacional dos festivais, sendo o principal de fin de temporada no territorio nacional. Está concebido para gozar da natureza do municipio a través da música. Beneficiará ao sector turístico a través do cultural, e concretamente dende a perspectiva da música, pero tamén ao sector empresarial local.

Música en directo de artistas de masas e número un de vendas
Cun cartel de primeiro nivel, o Caudal Fest  ofrecerá a posibilidade de gozar da música en directo de artistas de masas ou de número un de vendas. O Concello de Lugo aposta pola sinerxia do público-privado para levar a cabo este festival, que ten como obxectivo xenérico promover a imaxe de Lugo a través do seu patrimonio medioambiental, con atractivo turístico e cultural. Para conseguilo, deseñouse un cartel que, polo momento, suma os seguintes nomes de renome -na xornada de pago-: Vetusta Morla; Iván Ferreiro; Mala Rodríguez; Novedades Carminha; DePedro; Andrés Suárez (acústico); e Eme Dj.

Máis información en www.caudalfest.es

Noticias relacionadas