Carlos Jean e Kiko Veneno súmanse ao cartel das festas do San Froilán

O concerto de Jean, un dos maiores expoñentes da música electrónica española, será o día 8 e a inconfundible combinación de rock e flamenco de Kiko Veneno soará o 4, en ambos casos, ás 21.30 horas, na praza Horta do Seminario
A cantautora malagueña Annie B Sweet actuará o día de arranque das festas, o 3 de outubro, e a cantante e guitarrista británica Dani Wilde, o día 4, as dúas ás 22.00 horas, na praza de Santa María

Martes, 15 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O cartel do San Froilán 2015 segue a completarse con actuacións de primeiro nivel. A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, avanzou tras a nova reunión da Comisión de Festas que tivo lugar este martes as actuacións de Carlos Jean, un dos maiores expoñentes da música electrónica española, fillo dunha ferrolá e un haitiano, e o incombustible Kiko Veneno e a súa inconfundible combinación de rock e flamenco. O concerto de Carlos Jean, que contará como teloneiros con DJ Friscos e Marcos Peón no patio do Seminario, terá lugar o día 8 de outubro, e o de Kiko Veneno será o día 4, en ambos casos ás 21.30 horas, na Praza Horta do Seminario.

Basadre avanzou tamén a actuación de Anni B Sweet, cantautora malagueña que escribe as súas letras principalmente en inglés, e cuxo estilo, suave e melancólico, bebe de influencias da música acústica, folk e pop indie. Ofrecerá un concerto o día de arranque das festas, o 3 de outubro, ás 22.00 horas, na praza de Santa María.

Súmase ao cartel así mesmo a cantante e guitarrista británica Dani Wilde, que o día 4 fará soar os seus ritmos blues, acústicos, country e gospel, ás 22.00 horas, tamén na praza de Santa María.

Buses urbanos

A Concelleira de Cultura deu a coñecer por outra banda as prolongacións de liñas regulares do bus urbano e os servizos especiais que estarán operativos durante o San Froilán.

Ampliacións das liñas regulares 

- Os sábados 3 e 10 e os domingos 4 e 11, ata as 03.00 horas, e os luns 5 e 12, ata as 02.00 horas, as liñas: 3AE Aceña de Olga-Ramil; 4E Tolda (Conturiz)-Abella (Casás); 5E Gándaras-Campiña-Cemiterio; e 6E Montirón-Residencia-Cheda

Servizos especiais

- Os sábados 3 e 10, de 22.00 a 03.00, os domingos 4 e 11, de 12.00 a 03.00 e os luns 5 e 12, de 12.00 a 02.00 horas, funcionarán dúas liñas, de Celso Emilio Ferreiro a Campos Novos e de Celso Emilio Ferreiro á Avenida Infanta Elena.

Noticias relacionadas