A iniciativa, posta en marcha dende a área de Igualdade e Inclusión con motivo do Día Internacional do Orgullo, buscar reivindicar a diversidade e os dereitos de todas as persoas.
O vindeiro 19 de xullo, como parte do programa municipal do Orgullo, terá lugar a actuación do grupo Loco Mía, na praza Horta do Seminario, a partir das 21:00 horas.

A campaña ‘Lugo sen armarios’ posta en marcha polo Executivo de Paula Alvarellos, a través da área de Igualdade e Inclusión con motivo do Día Internacional do Orgullo, acumula máis de 31.000 reproducións nas diferentes canles online do Concello. Con esta iniciativa, o goberno local busca reivindicar a diversidade e os dereitos de todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual. Para iso, a concellería que dirixe Ángeles Novo instalou durante unha semana cinco armarios noutras tantas prazas da cidade, nos que a través de códigos QR no interior de cada armario, se deu visibilidade ás historias de varios lucenses, de distintas idades, sexos e profesións.
“A campaña foi un éxito, pois trala publicación este venres do derradeiro vídeo, estes xa acumulan máis de 31.000 reproducións nas canles de Youtube, Instagram, Facebook e X, unhas cifras que demostran a boa acollida da iniciativa, pese a vandalización dos armarios, debido á incapacidade duns poucos de sensibilizar cos problemas aos que aínda hoxe teñen que enfrontarse algunhas persoas pola súa orientación sexual ou identidade de xénero”, explicou Novo.
Para a edil responsable desta área “como administración local temos a obriga de construír unha sociedade inclusiva e libre, onde a educación xoga un papel fundamental para promover o respecto ás diferentes orientacións sexuais”. Con este obxectivo, xurdiu a idea de ‘Lugo sen armarios’, coa que “tamén queremos facer ver as distintas problemáticas que se viven nunha cidade pequena como Lugo; deste xeito déronse a coñecer as historias de persoas de aquí para as que foi difícil saír do armario, pero tamén ao contrario: xente de fóra que chegou a Lugo a vivir e se liberou dos convencionalismos prexudiciais e das actitudes homofóbicas”, sinalou Ángeles Novo.
Máis Orgullo, o 19 de xullo
Dentro do programa do día do Orgullo, a concellería de Igualdade e Inclusión do Goberno local ten prevista ademais a actuación do grupo Loco Mía, todo un referente da música electrónica e pop de finais dos anos oitenta e primeiros dos noventa, que marcou un fito pola súa estética transgresora, o seu vestiario e estilo propios.
Será o 19 de xullo, como parte do programa municipal para celebrar o Día do Orgullo, na praza Horta do Seminario, cun concerto que comezará ás 21.00 horas coas actuacións do DJ Frisco e de Marcos Peón, para despois dar paso á actuación do novo grupo Loco Mía, posto en marcha polo entón creador do conxunto primixenio, Xavi Font.

