A biblioteca do Vello Cárcere acolle a presentación dun conto infantil non sexista, Galofoguete

Carmen Basadre, Elena Fernández e Inés Varela presentaron esta obra, coa que se buscar subliñar a importancia de apreciar á amizade, enxalzar o traballo en equipo e romper os estereotipos

O sábado 27, ás 12:00 horas, no patio deste centro terá lugar a presentación pública desta obra e un contacontos

Martes, 09 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A biblioteca do Vello Cárcere acolle a presentación dun conto infantil non sexista, Galofoguete

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a escritora chantadina Elena Fernández, e a ilustradora lucense Inés Varela, presentaron este martes, na Biblioteca do Vello Cárcere, o libro Galofoguete, un conto non sexista para nenos e nenas.

Basadre deulle a noraboa a Fernández e Varela por esta iniciativa e convidou aos papás e mamás a que traian os seus nenos e nenas o sábado 27, ás 12:00 horas, ao patio do Vello Cárcere, onde terá lugar a presentación pública desta obra e un contacontos.

Pola súa banda, Fernández e Varela amosáronse orgullosas de poder presentar este libro en Lugo e de facelo nun espazo como o Vello Cárcere. Así mesmo, quixeron invitar á cidadanía a esta cita, que pretenden convertela nun centro de debate, onde explicar ademais a intencionalidade do conto.

Galofoguete trátase dun libro que narra a historia dun galo que quere voar a unha galaxia e que non pode, por mor dunha caída que sufre nun prado. Alí atópao unha cativa, Sabela, a protagonista, que o leva onda súa nai, mecánica de profesión, coas que finalmente o galo se queda a convivir. Con esta obra búscase subliñar a importancia de apreciar á amizade, enxalzar o traballo en equipo e romper os estereotipos, onde neste caso a mecánica é a nai, deixando de ser este un oficio masculino.

O libro está editado polas propias Fernández e Varela e pódese adquirir en Lugo, Santiago, A Coruña, Carballiño, Xinzo, Allariz e Lalín.

Noticias relacionadas