Benestar clausura mañá as actividades das Aulas Abertas para a conciliación, ás que acudiron medio milleiro de nenos e nenas

A concelleira responsable, Olga López, destacou a boa acollida de todas as accións, “xa que contamos cunha participación media que roldou o 90% do aforo permitido”.

As actividades, que se desenvolveron nos centros de convivencia urbanos así como nas escolas da zona rural, deron resposta ás demandas das familias.

Nesta edición primáronse, sempre que se puido, as actividades no exterior para aumentar así ás medidas sanitarias derivadas da pandemia.

Luns, 30 de agosto de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Benestar clausura mañá as actividades das Aulas Abertas para a conciliación, ás que acudiron medio milleiro de nenos e nenas

O executivo de Lara Méndez clausura mañá as actividades das ‘Aulas Abertas’ organizadas dende a área de Benestar co fin de facilitar a conciliación familiar e laboral, nas que participaron preto de 500 nenos e nenas de Lugo.

A concelleira destacou o éxito e a boa acollida que recibiu a convocatoria que, “nesta edición marcada pola pandemia, contou cunha participación total media que roldou o 90% do aforo permitido, permitindo a pais e nais tanto da zona rural coma da urbana organizar mellor as súas xornadas laborais e persoais coa confianza, ademais, de que os seus cativos gozaban de momentos de lecer, aprendizaxe e socialización de forma 100% segura xa que se respectaron permanente todos os protocolos sanitarios derivados da Covid”.

A resposta dos e das lucenses a estes recursos son un síntoma máis das necesidades de conciliación persoal e laboral crecentes nas familias en Lugo, explicaba a edil, que incidiu en que “dende o Goberno de Lara Méndez seguiremos a traballar nesta liña para ofrecer lecer seguro e saudable que favoreza o benestar dos máis pequenos nestos tempos complexos”.

A concelleira explicou que se traballou na realización dun completo programa de actividades que, “ademais de ser unha ferramenta para as nais e os pais traballadores, foi unha vía de escape para os pequenos de Lugo, que puideron gozar de actividades variadas de carácter educativo e lecer durante as vacacións”. Neste sentido, Olga López destacou o alto nivel de satisfacción das familias co programa así como o agrado dos máis pequenos coas actividades que levaron a cabo nestes meses.

Entre as actividades incluídas nos talleres destacaron os xogos cooperativos e de psicomotricidade, manualidades, etc,  actividades que se desenvolveron sempre que se puido no exterior e que cumpriron as condicións de sanidade e hixiene óptimas de tal xeito que se ofreceu unha alternativa lúdica e tamén didáctica para que as e os cativos socializasen e compartisen vivencias, nun contexto seguro para eles e para as súas famílias.

Noticias relacionadas