Benestar achega ao alumnado lucense valores de respecto pola diversidade e a inclusión da man do filme ‘Valentina’

A película proxectarase en 18 sesións, dende hoxe e até o 30 de maio,  no salón de actos do centro de convivencia de Fingoi.

Na acción participarán máis de 2.100 alumnos e alumnas de 12 centros educativos da cidade aos que se lles entregará tamén material didáctico.

Venres, 20 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Benestar achega ao alumnado lucense valores de respecto pola diversidade e a inclusión da man do filme ‘Valentina’

O Goberno de Lara Méndez, a través da Concellería de Benestar Social, que dirixe Olga López Racamonde, leva ao centro de convivencia de Fingoi o filme de animación Valentina, que logrou un premio Goya 2022 como mellor película de animación.

Así, ten previsto proxectala en 18 sesións, dende hoxe e até o 30 de maio, nas devanditas instalacións municipais co obxectivo de sensibilizar á poboación escolar, dende idades temperás, en valores de igualdade e respecto en prol da integración. Un acción dirixida a máis de 2.100 alumnos e alumnas de 12 centros educativos da cidade aos que tamén se lles entregarán guías didácticas. 

O  filme, dirixido pola directora galega Chelo Loureiro, fai importancia na inclusión e a igualdade de oportunidades. “A película convídanos a reflexionar sobre o papel que exercemos todos e todas cando nos atopamos ante unha persoa con capacidades diferentes e nos insta tamén a promover un espírito colaborativo  na sociedade porque nada nos impide loitar por un obxectivo ou por un soño”, sinalou a edil ao tempo que convidou a toda a veciñanza a ver a película que nace, entre outras cousas, da vontade de visualizar a realidade dun colectivo que quere ser artífice da súa propia mensaxe no camiño cara a plena cidadanía.

A película conta - en clave fantástica – como Valentina, que soña con ser trapecista, cre que nunca poderá conseguilo por ter a síndrome de Down e traslada tamén a maneira na que unha rapaza coas súas peculiaridades aprende, se relaciona e evoluciona, como todas as nenas da súa idade. Unha historia que non pretende promover a compaixón nin unha grande admiración, só empatía.

Ao acto de presentación ademáis da Concelleira de Benestar Social, Olga López, asistiron Xoán Mariño, representante de Cine na Rúa; Chelo Loureiro, directora de Valentina, Lucía Serén e Alicia Rábade, as nenas que poñen voz á protagonista nos diálogos e nas cancións, respectivamente; María Barro, produtora do filme e Pilocha, cantante e directora dos coros, xunto con Ismael García Pallas, da Federación Down Galicia e logopeda de Down Lugo.

Noticias relacionadas