A Banda Municipal afecciona aos máis cativos á musica a través de concertos didácticos en colexios

Carmen Basadre deu a coñecer esta programación que arrincará mañá martes no colexio Salesianos Divina Pastora, e se desenvolverá ata o 9 de xuño en 19 centros educativos lucenses

Luns, 14 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu a coñecer este luns a nova programación de Concertos Didácticos, que arrincará mañá martes no colexio Salesianos Divina Pastora e se desenvolverá ata o 9 de xuño nun total de 19 centros educativos lucenses. Trátase da cuarta edición deste ciclo posto en marcha polo Concello, que permite ensinar aos cativos e cativas de entre 3 e 12 anos os diferentes instrumentos musicais e achegarse á música en vivo dun xeito lúdico a través da Banda Municipal de Música. Durante a actividade, que ten unha duración de ao redor dunha hora, faise un repaso pola historia da música a través de distintos contos e recoñecidas pezas musicais.

Carmen Basadre destacou a importancia que ten dar a coñecer a Banda Municipal así como que os máis pequenos coñezan a música a través de actividades lúdicas, ao tempo que lembrou o éxito acadado por esta programación os tres anos anteriores.

Os concertos didácticos levaranse a cabo nos centros educativos Salesianos Divina Pastora, no Sagrado Corazón, nos Maristas, no CEIP da Ponte, Illa Verde, Rosalía de Castro, Anexa, Albeiros, Milagrosa, San José, Santa María, Casás, Luis Pimentel, Virxe da Soidade, Fingoi nº2, Menéndez Pelayo, Manuel Mallo Mallo, Benigno Quiroga Ballesteros e As Mercedes.

Audio

Noticias relacionadas