A asociación Alto Miño constitúese en Lugo para revitalizar o Mercado de Antigüidades e Coleccionismo

Carmen Basadre presentou este novo colectivo, que xa conta con once asociados dedicados á venda de cadros, artesanía de coiro, mobles, selos ou postais, entre outros

Luns, 07 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A asociación Alto Miño constitúese en Lugo para revitalizar o Mercado de Antigüidades e Coleccionismo

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o secretario da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo (APEHL), Jacobo García, e a presidenta da asociación Alto Miño, Salima Castro, presentaron este novo colectivo, que se vén de constituír na cidade, co obxectivo de revitalizar o Mercado de Antigüidades e Coleccionismo.

No acto, Carmen Basadre quixo “felicitar a todas as persoas que integran a asociación de Antigüidades, Coleccionismo e Artesanía Alto Miño, ademais de desexarlles moitos éxitos no seu traballo, xa que será moi positivo para o conxunto da cidade e revitaliza o mercado deste ámbito”.

Pola súa parte, Jacobo García destacou “o importante papel deste colectivo na promoción económica e turística da cidade, xa que tanto a veciñanza como os turistas teñen un atractivo máis para visitar Lugo”.

Salima Castro agradeceu o apoio do Concello e explicou que “esta entidade, que xa conta con once asociados dedicados á venda de cadros, artesanía de coiro, mobles, selos ou postais, entre outros, nace coa vontade de revitalizar o Mercado de Antigüidades e Coleccionismo”. Este mercado, no que están presentes quince postos, celébrase todos os segundos e terceiros domingos de mes na Praza Maior.

Mercados de antigüidades
Na cidade, a maiores dos 24 mercados dominicais, tamén se celebraron noutras festividades, como a Semana Santa, ou o Nadal durante a ponte da Constitución, ademais das Feiras de Antigüidades e Coleccionismo celebradas durante os festexos do Arde Lucus e do San Froilán. Tamén pretenden crear novos mercados no resto da provincia.

Noticias relacionadas