Arrinca a XLVII Semana de Música do Corpus, que inclúe 9 actuacións gratuítas, coa Real Filharmonía de Galicia

Neste festival tamén participará o grupo Forma Antiqva, o dúo Las Arpas Sonoras, o trío MUSica ALcheMIca, a Orquestra Sinfónica Vigo 430, o grupo El Afecto Ilustrado con Hugo Bolívar, Germán Díaz &Benxamín Otero, a pianista Gabriela Montero e a Historia do Soldado

A entrada para toda a programación, que será sempre ás 20:30 horas, é libre, ata completar cabida

Completa a programación o VI Festival Internacional de Órgano, que se celebra do 4 ao 24 de xuño. Tamén haberá música na rúa, o 25 de maio

Venres, 24 de maio de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Hoxe venres arrinca a XLVII Semana de Música do Corpus, un festival decano na cidade e en Galicia, que nesta edición conta cunha programación de 9 concertos, que acollerán o Círculo das Artes, a Casa do Saber e o Vello Cárcere. Unha vez máis, esta semana de música clásica e barroca, complétase co VI Festival Internacional de Órgano Corpus Christie de Lugo, que se celebra do 4 ao 24 de xuño na Catedral de Santa María, na Igrexa de Santiago A Nova e na Igrexa de San Pedro. Tamén haberá música na rúa, a cargo do alumnado do conservatorio e das escolas de música, das 12:00 ás 20:00 horas, o sábado, 25 de maio. A entrada para toda a programación, que será sempre ás 20:30 horas, é libre, ata completar cabida.

Ao longo de case un mes, artistas e agrupacións destacadas fan protagonistas a grandes pezas da historia musical con melodías clásicas e barrocas. Un evento cheo de prestixio e calidade que, nesta ocasión, arrincará coa actuación da Real Filharmonía de Galicia. Nel tamén participará o grupo Forma Antiqva, o dúo Las Arpas Sonoras, o trío MUSica ALcheMIca, a Orquestra Sinfónica Vigo 430, o grupo El Afecto Ilustrado con Hugo Bolívar, Germán Díaz &Benxamín Otero, a pianista Gabriela Montero e a Historia do Soldado.

VI Festival Internacional de Órgano

Baixo o paraugas do Festival de Música cidade de Lugo atópase o VIFestival Internacinal de Órgano do Corpus Christi, neste caso organizado polo Centro Eucarístico Lucense coa colaboración da entidade local. Nel participarán a Orquestra  Vigo 430 & Giulio Mercati, Fabio Ciofinci & Giulio Mercati, Sergio Orabona, Grupo Sólo Voces & Ulrike Northoff e Karin Richter & Jean-Christophe Geiser.

Audio

Noticias relacionadas