A Alcaldesa e a presidenta das Mulleres Empresarias de Lugo presentaron esta feira, que se celebrará o xoves e venres, de 11:00 a 22:00 horas, e na que participarán 22 establecementos
O Concello colabora coa Feira do Nadal posto que se enmarca na súa aposta por fomentar e dinamizar o comercio de calidade do municipio

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e a presidenta das Mulleres Empresarias de Lugo, Beatriz Varela, presentaron este mércores no Salón de Plenos a Feira do Nadal, que acollerá a Praza Anxo Fernández Gómez mañá xoves e venres, de 11:00 a 22:00 horas. O Concello colabora con esta iniciativa posto que se enmarca na súa aposta por fomentar e dinamizar o comercio do municipio.
No acto de presentación, a rexedora subliñou a estreita colaboración entre o Concello e as mulleres empresarias, “que loitan polo papel da muller para crear emprego”. Neste senso, Méndez lembrou que “dentro dos autónomos, 3 de cada 10 son mulleres, o que demostra que queda moito por facer para combater a desigualdade no desemprego, a conciliación e a fenda salarial”.
Lara Méndez aproveitou a ocasión para agradecerlle ás mulleres empresarias “o papel que xogan na sociedade en prol da defensa da muller e como dinamizadoras da actividade empresarial de calidade do municipio” ao tempo que destacou a importancia deste tipo de iniciativas, que potencian o comercio lugués, “un sector estratéxico no noso municipio, na que máis do 80% das empresas pertencen ao sector servizos”.
Pola súa banda, Varela agradeceu o apoio do Concello para poder levar a cabo esta feira e especialmente a Lara Méndez, “por ser unha muller comprometida co labor das emprendedoras”. Do mesmo xeito, fixo un chamamento para que todos os lucenses e visitantes acudan á carpa a realizar as súas compras de Nadal.
22 expositores
Na Feira do Nadal participarán 22 establecementos de artesanía, comercio, gastronomía, servizos e moda. Ambos os dous días, ás 18:00 horas terán lugar talleres infantís gratuítos dirixidos a nenos e nenas menores de 12 anos, de construción, robótica e contacontos.
Audio
- Lara Méndez, sobre a Feira do Nadal |Descargar mp3