Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Arrinca o Nadal lucense cunha feira multisectorial que acollerá a Praza Anxo Fernández Gómez

Arrinca o Nadal lucense cunha feira multisectorial que acollerá a Praza Anxo Fernández Gómez

A Alcaldesa e a presidenta das Mulleres Empresarias de Lugo presentaron esta feira, que se celebrará o xoves e venres, de 11:00 a 22:00 horas, e na que participarán 22 establecementos

O Concello colabora coa Feira do Nadal posto que se enmarca na súa aposta por fomentar e dinamizar o comercio de calidade do municipio

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Cultura e Turismo,
    • Emprendemento,
    • Igualdade
Mércores, 09 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Presentación da Feira do Nadal

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e a presidenta das Mulleres Empresarias de Lugo, Beatriz Varela, presentaron este mércores no Salón de Plenos a Feira do Nadal, que acollerá a Praza Anxo Fernández Gómez mañá xoves e venres, de 11:00 a 22:00 horas. O Concello colabora con esta iniciativa posto que se enmarca na súa aposta por fomentar e dinamizar o comercio do municipio.

No acto de presentación, a rexedora subliñou a estreita colaboración entre o Concello e as mulleres empresarias, “que loitan polo papel da muller para crear emprego”. Neste senso, Méndez lembrou que “dentro dos autónomos, 3 de cada 10 son mulleres, o que demostra que queda moito por facer para combater a desigualdade no desemprego, a conciliación e a fenda salarial”.

Lara Méndez aproveitou a ocasión para agradecerlle ás mulleres empresarias “o papel que xogan na sociedade en prol da defensa da muller e como dinamizadoras da actividade empresarial de calidade do municipio” ao tempo que destacou a importancia deste tipo de iniciativas, que potencian o comercio lugués, “un sector estratéxico no noso municipio, na que máis do 80% das empresas pertencen ao sector servizos”.

Pola súa banda, Varela agradeceu o apoio do Concello para poder levar a cabo esta feira e especialmente a Lara Méndez, “por ser unha muller comprometida co labor das emprendedoras”.  Do mesmo xeito, fixo un chamamento para que todos os lucenses e visitantes acudan á carpa a realizar as súas compras de Nadal.

22 expositores

Na Feira do Nadal participarán 22 establecementos de artesanía, comercio, gastronomía, servizos e moda. Ambos os dous días, ás 18:00 horas terán lugar talleres infantís gratuítos dirixidos a nenos e nenas menores de 12 anos, de construción, robótica e contacontos. 

Audio

  • Lara Méndez, sobre a Feira do Nadal |Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/arrinca-o-nadal-lucense-cunha-feira-multisectorial-que-acollera-praza-anxo-fernandez-gomez

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/091215_alcaldesa-feira-nadal.mp3