A intervención, que se desenvolverá a partir de setembro, inclúe o arranxo do firme mediante aglomerado en quente e outros labores accesorios que asegurarán a durabilidade e seguridade da infraestrutura viaria.
“Esta obra é un paso crucial para recuperar e revitalizar un espazo recreativo de gran valor histórico e natural para o noso concello que levamos tempo reclamando á Xunta e que, agora, co esforzo municipal recibirá un gran impulso”, destacou a alcaldesa.
O Goberno local investirá nesta actuación, financiada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), un orzamento de 112.452 euros, con cargo ao mecanismo AGADER 24-25.

O Executivo de Paula Alvarellos, dende a concellería de Cohesión Territorial que dirixe a tenenta de alcaldesa Ana González Abelleira, acometerá, a partir de setembro, a mellora do camiño de acceso municipal á área recreativa dos Lagos de Teixeiro.
Unha intervención, financiada con fondos FEADER da Unión Europea, na que o Goberno local investirá un orzamento de 112.452 euros, con cargo ao mecanismo AGADER 24-25.
A rexedora destacou a importancia desta actuación, en tanto “supón un paso crucial para recuperar e revitalizar unha área recreativa de gran valor histórico e natural para o noso concello. Levamos tempo reclamando á Xunta de Galicia a necesidade de acondicionar esta zona que agora, co esforzo municipal, recibirá un gran impulso”, afirmou.
Os Lagos de Teixeiro foron durante décadas un lugar emblemático para o lecer e a recreación da veciñanza de Lugo. Con todo, nos últimos anos, o espazo sufríu un deterioro considerable que mermou a súa capacidade de atraer visitantes. Esta situación motivou diversas reclamacións por parte do Goberno local á Xunta de Galicia para a súa recuperación.
"O noso obxectivo é garantir que lucenses e visitantes poidan desfrutar plenamente desta marabillosa contorna natural, proporcionando un acceso seguro e cómodo. Este proxecto responde á nosa visión de potenciar os espazos de lecer e o contacto coa natureza de toda a cidadanía", engadiu Alvarellos.
Pola súa banda, Ana González Abelleira, responsable de Cohesión Territorial, tamén resaltou a relevancia da iniciativa: "Esta actuación non só mellorará o acceso aos Lagos de Teixeiro, senón que tamén contribuirá a revalorizar unha contorna de lecer de gran significado para as e os lucenses, en consonancia co compromiso que mantemos dende o Executivo pola recuperación e posta en valor dos espazos naturais."
A intervención inclúe a mellora do firme do camiño de acceso mediante aglomerado en quente e outros traballos accesorios que aseguren a durabilidade e seguridade da infraestrutura viaria. A obra, que se enmarca dentro do plan de mellora continua das dotacións rurais do Concello de Lugo, intégrase na liña de actuación do equipo de Goberno de Paula Alvarellos por revitalizar e fomentar a posta en valor da riqueza paisaxística do municipio de dos lugares singulares dentro do termo municipal.
Audio
- A tenenta de alcaldesa, Ana González Abelleira, sobre a mellora da área recreativa dos Lagos de Teixeiro | Descargar mp3


