Ana Abelleira e Silvia Alonso trasladan ao Foro de Igualdade a súa condena á actitude machista de Javier Arias coa deputada Pilar Porto

Ana Abelleira: “As formas empregadas demostran un absoluto desprecio e unha falta de respecto intolerable cara á deputada e cara á institución provincial”.

Venres, 10 de febreiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Ana Abelleira e Silvia Alonso trasladan ao Foro de Igualdade a súa condena á actitude machista de Javier Arias coa deputada Pilar Porto

A presidenta e a vicepresidenta do Foro de Igualdade do Concello, Ana Abelleira e Silvia Alonso, trasladaron a súa reprobación, na reunión do xoves, pola actitude machista do delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, coa deputada provincial, Pilar García Porto, durante unha convocatoria en San Marcos na que se pretendía negociar o convenio colectivo dos bombeiros da provincia.
 
Comentarios como “dile a Pilar que mueva el culo y venga para la reunión”, foron pronunciados publicamente por Javier Arias, uns feitos que se viron agravados pola tarde, durante un evento institucional, onde a deputada se sentiu intimidada polas recriminacións insistentes de Arias como: “no te lo perdono”, “tú eres la maleducada”, ou “te estoy hablando, hazme caso”.
 
A presidenta do Foro e concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Abelleira, condenou “as formas e a actitude mostrada polo representante da Xunta en Lugo, que demostran un absoluto desprecio e unha falta de respecto intolerable cara á deputada e cara á institución provincial”.
 
Abelleira esixiu ao delegado que “pida desculpas públicas” e insitiu na necesidade de erradicar este tipo de comportamentos machistas e prepotentes en todos os ámbitos da sociedade, especialmente cando proveñen dun representante público, e neste caso, do representante do goberno autonómico no municipio.
 
O Foro de participación cidadá en materia de Igualdade do Concello está composto pola súa presidenta, Ana Abelleira, e vicepresidenta, Silvia Alonso, unha vogal de cada grupo municipal, así como da Xunta de Goberno Local e da Casa da Muller, un representante da Federación de Asociacións Veciñais Federadas; e das Asociacións Veciñais non Federadas; un representante das Asociacións de Persoas con Discapacidade; do Colexio de Enfermeria; da Unión de Asociacións Veciñais (Unave); representantes dos diferentes sindicatos; da Asociación de Mulleres Empresarias; da Fundacion Secretariado Xitano; de Unións Agrarias-Upa; Aliad Ultreia; da Asociación de Mulleres Rurais "A Landra"; do Foro Feminista de Lugo; e da Asociación Gitana Phenjalipen.

Audio

  • A concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Abelleira, sobre a actitude machista de Javier Arias | Descargar mp3

Noticias relacionadas