A rexedora presidiu os actos de conmemoración da patroa do Corpo, María Auxiliadora, que incluiron un acto institucional no Vello Cárcere e a entrega de condecoracións.
Alvarellos trasladou o seu agradecemento aos axentes e membros da Policía Local polo seu labor diario “que contribúe a acadar unha cidade máis segura”.
Así mesmo, destacou o compromiso da Alcaldía para dotar ao Corpo dos recursos necesarios para que realicen o seu cometido nas mellores condicións.

A alcaldesa, Paula Alvarellos, presidiu este martes os actos de conmemoración da Festividade da Policía Local de Lugo. A xornada comezou ás 10:30 horas, coa formación da Policía diante da Casa Consistorial, onde a rexedora pasou revista co bastón de mando, acompañada polo Intendente Jesús Piñeiro, nuha cerimonia á que tamén acudiron os concelleiros e concelleiras do equipo de Goberno xunto ao resto de representantes da Corporación Municipal e doutras institucións públicas como a Subdelegación do Goberno.
No transcurso da mañá, autoridades e resto de participantes asistiron á misa que tivo lugar na Catedral Básilica para honrar á protectora da Policía, a súa patroa, María Auxiliadora, e logo desprazáronse até o centro cultural O Vello Cárcere onde se desenvolveu o acto institucional.
Durante o evento, a rexedora, Paula Alvarellos trasladou o seu agradecemento aos axentes e membros da Policía Local polo seu labor diario “que contribúe a acadar unha cidade máis segura”. Así mesmo, destacou o compromiso da Alcaldía para dotar ao Corpo dos recursos necesarios para que realizcen o seu cometido nas mellores condicións.
A alcaldesa felicitou ao Corpo polo seu 162 aniversario. “Hai 162 anos comezou a prestar servizo o que entón denominábase a Garda Municipal de Lugo, con sede na propia Casa Consistorial; e tamén este edificio, o Vello Cárcere, foi sede do corpo durante 25 anos, ata o 2012, cando entrou en funcionamento a nova Comisaría de San Fiz”.
Neste senso, Alvarellos explicou que “para festexar o día da patroa quixemos que o Vello Cárcere acollera este acto solemne, porque representa a imaxe do cambio, da modernización e da adaptación á sociedade, un proceso de transformación que tamén experimentou o corpo da Policía Local de Lugo”.
“Así, unha das nosas preocupacións nos últimos tempos foi dotar a este servizo de tecnoloxías punteiras que optimicen o voso traballo e contribúan a facer máis eficiente o labor policial. Deste xeito, afrontouse o proceso de dixitalización do corpo, habilitáronse ferramentas de xestión integral e adquirimos drons de uso versatil utilizados tanto para dispositivos de tráfico como para control de eventos”, destacou a rexedora.
“Podemos afirmar con orgullo que o noso corpo da Policía Local conta con ferramentas actualizadas que asisten o gran labor profesional dos nosos axentes. Estou convencida de que este investimento en elementos como os radares móbiles lixeiros, os tests de drogas de última xeración, os programas avanzados de xestión de bases de datos, ou mesmo as PDAs aportan un plus que se traduce en intervencións máis axiles, máis garantistas e máis eficaces”, apuntou.
Neste sentido, a alcaldesa avanzou que “continuaremos dando resposta ás necesidades do corpo e estou segura de que estes avances e novas dotacións, como o resto de melloras que están por vir, resultarán beneficiosas para elevar aínda máis o nivel de seguridade da nosa cidadanía”.
Dentro deste proceso de cambio, Alvarellos puxo o foco, así mesmo, na incorporación de mulleres, non só a este corpo policial senón aos postos de mando. Neste senso destacou que “nunca ata agora tivemos dúas mulleres nos postos de inspectora e oficial, o que tamén supón, ao meu xuízo, un paso adiante da Policía Local de Lugo, e unha aposta decidida polos cambios que reclama a sociedade e que redundan nun mellor servizo”.
Durante o acto, no que se fixo un sentido homenaxe aos axentes caídos, a Policía fixo entrega de diferentes galardóns para recoñecer os servizos prestados tanto polos inspectores como polos oficiais do Corpo local, alén de a representantes doutras forzas e corpos de seguridade. A continuación, indícase a relación de persoas condecoradas:
- Cruz de servizos distinguidos ao Coronel do Exército da Terra, Subdelegado de Defensa na Provincia de Lugo, D. Juan José Fernández Arrojo.
- Cruz de servizos distinguidos ao Comisario Xefe Provincial da Policía Nacional de Lugo, D. Luis Miguel Romera Pérez.
- Cruz de servizos distinguidos ao Inspector-Xefe, Xefe da Comisaría da Policía Nacional de Monforte de Lemos, D. Pablo Fernández López.
- Cruz de servizos distinguidos ao Tenente do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Lugo, D. José Manuel López Santiso.
- Cruz de servizos distinguidos ao policía local Juan Carlos Fernández Vecín.
- Cruz de servizos distinguidos ao policía local José Manuel Corredoira Pérez.
- Cruz de servizos distinguidos ao policía local Ángel Ernesto Eiriz Machado.
- Cruz de servizos distinguidos ao policía local Ricardo García Ares.
- Cruz de servizos distinguidos ao policía local José Manuel Núñez Pena.
- Cruz de servizos distinguidos ao policía local José Luís Castrodá Coto.
- Cruz de servizos distinguidos ao policía local José Luís Lemos Rivas.
- Mención honorífica ao policía local José Ramón Candal Miranda.
- Distinción ao Servizo de Enxeñería do Concello de Lugo.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre a Festa da Policía Local | Descargar mp3



