A Alcaldesa explicoulle aos cativos e cativas como se toman as decisións no Concello, así como o seu organigrama e a estrutura do Pleno

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu este luns no Salón de Plenos a unha trintena de alumnos e alumnas de terceiro de primaria do colexio lucense As Mercedes, que viñan acompañados de cinco mestras. A rexedora explicoulle aos cativos e cativas, que tiñan ao redor de 8 e 9 anos, como se toman as decisións no Concello, o seu organigrama e a estrutura do Pleno, así como o seu funcionamento.
Os nenos e nenas, que se amosaron en todo momento moi atentos á explicación da rexedora, participaron de xeito moi activo preguntando dúbidas e interesándose pola inversión das distintas partidas.
“Encontros deste tipo fan que os máis cativos se interesen pola realidade da administración do seu municipio e sobre todo que coñezan como funciona, o proceso para tomar decisións e o día a día do traballo municipal, ao tempo que coñecen de primeira man o seu Concello”, subliñou Méndez.