A Alcaldesa, tras a reunión co delegado do Goberno: “Lugo volve a estar no mapa despois de tantos anos de abandono”

Lara Méndez avanzou que está pechando reunións co Ministerio de Fomento e ADIF para avanzar nos proxectos pendentes en Lugo: AVE, intermodal, rontonda da N-VI ou as autovías a Santiago e Ourense, entre outros

O encontro con Losada foi “moi fluído e fácil porque xa coñecía as necesidades da nosa cidade. Agradézolle ese compromiso previo, algo para min novidoso, ter un interlocutor no Goberno que non só as coñece, senón que as comparte”

Venres, 27 de xullo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa, tras a reunión co delegado do Goberno: “Lugo volve a estar no mapa despois de tantos anos de abandono”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu este venres no Concello ao novo delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, co que “se abre unha nova etapa na que a nosa cidade volverá a estar no mapa despois de tantos anos de abandono por parte do Goberno central”. De feito, a rexedora e Losada, que acudiu acompañado da Subdelegada en Lugo, Isabel Rodríguez, avanzaron que se están pechando reunións da rexedora con ministerios, sobre todo con Fomento e con ADIF, para avanzar nos proxectos pendentes con Lugo, “actuacións comprometidas, pero nunca feitas”, afirmou o delegado do Goberno. “Esperaremos un tempo para que se asenten e coñezan os proxectos para que todos saibamos o punto de partida e o horizonte ao que queremos chegar, e a interlocución sexa fluída e as reunións fructíferas”, sinalou Méndez sobre as datas desas xuntanzas de traballo.

Javier Losada, que asinou no Libro de Ouro do Concello, trasladoulle neste senso a Lara Méndez “o apoio do Goberno de España aos proxectos que ten Lugo, unha cidade dinamizadora dunha provincia que conta cun gran potencial e que ten unha gran Alcaldesa, tanto de conexión intergalaica, como co resto de España”. “Hai un compromiso do Executivo e do presidente Pedro Sánchez para levar a alta velocidade nos tempos previstos, para conseguir que a conexión con Santiago por autovía remate tamén nos tempos previstos, para darlle un pulo á conexión con Ourense, para facer da seguridade e a loita contra a violencia de xénero un eixo fundamental nesta cidade, e para conseguir que as delegacións provinciais e as empresas públicas dean un apoio efectivo ao Concello”.

A Alcaldesa subliñou que este primeiro encontro co delegado do Goberno, “que non será o último porque así mo trasladou, dentro do seu compromiso de traballar por Galicia e por Lugo”, foi “fluído, fácil e fructífero” porque “xa era coñecedor das necesidades que lle transmitín. Agradézolle ese compromiso previo. Para min é algo novidoso, distinto, ter un interlocutor no Goberno central que,non só coñece, senón que comparte as necesidades da nosa cidade”.

O reforzo da seguridade foi unha das cuestións centrais que Lara Méndez lle trasladou a Losada, “e a verdade é que a resposta non puido ser máis inmediata porque 11 efectivos están xa na cidade por primeira vez en moitos anos de carencia. Sen ser un número aínda suficiente, entendemos que non se pode facer todo simultaneamente, senón de maneira progresiva”.

As infraestruturas foron outro dos piares nos que centraron o encontro a Alcaldesa e o delegado do Goberno, quen “queremos que sexa o noso nexo co Executivo do Estado en todos os proxectos pendentes en Lugo, como o AVE, a Estación Intermodal, a rotonda da N-IV á altura de Alfonso X, ou as autovías con Santiago e Ourense, infraestruturas importantísimas para que Lugo non quede illada, nin de Galicia, nin da Meseta”, asegurou Méndez.

Audio

Noticias relacionadas