A Alcaldesa subliña o papel da prensa local para reforzar a identidade social durante a presentación do primeiro curso da USC deste verán

O Impacto da prensa local na configuración do tecido social e político. O Caso de La Voz de Ortigueira, que se desenvolverá do 2 ao 4 de xuño en Lugo, Viveiro e Ortigueira, inaugura a programación estival da Universidade de Santiago

Xoves, 12 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este xoves, xunto á decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, e a Deputada provincial de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, na presentación do curso de verán da USC O Impacto da prensa local na configuración do tecido social e político. O Caso de La Voz de Ortigueira, co que a Universidade abre a súa programación estival, conformada por 21 accións formativas en once concellos da provincia. A rexedora subliñou o papel da prens

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este xoves, xunto á decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, e a Deputada provincial de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, na presentación do curso de verán da USC O Impacto da prensa local na configuración do tecido social e político. O Caso de La Voz de Ortigueira, co que a Universidade abre a súa programación estival, conformada por 21 accións formativas en once concellos da provincia. A rexedora subliñou o papel da prensa local para configurar o tecido social e político dun concello, unha comarca, unha provincia e unha comunidade autónoma, pero tamén para reforzar a súa identidade social.

Así mesmo, Lara Méndez felicitou á Universidade por elixir unha temática “tan importante como o papel determinante que xogan os medios de comunicación local nun mundo tan globalizado e os retos que se plantexan”. Acoller este tipo de iniciativas que atraen a Lugo a “persoas doutros lugares para seguir formándose e ampliar coñecementos”, supón para o concello unha oportunidade de “mostrar e ofrecer o mellor de si”.

A programación da Universidade de Verán demostra, engadiu a Alcaldesa, que “sigue tendo moita vida e aceptación, o que supón xeracións moito máis formadas e que esa formación servirá para desenvolver unha cidade, unha provincia, e en definitiva, un país”.

O curso O impacto da prensa local na configuración do tecido social e político. O Caso de La Voz de Ortigueira, un programa dirixido por María Isabel González Rey e Xosé López García e organizado co gallo da celebración do centenario do nacemento deste semanario, celebrarase do 2 ao 4 de xuño en Lugo, Viveiro e Ortigueira. O obxectivo deste programa, ademais de conmemorar a efeméride, é favorecer un debate sobre a práctica do xornalismo na era da globalización, segundo indicou a decana de Humanidades.

Programación de verán

Con este curso, arranca a Universidade de Verán da USC, unha programación integrada este ano por 46 accións formativas que se desenvolverán entre os meses de xuño e setembro en 17 localidades galegas e de Portugal, inclúe a celebración de 21 actividades formativas na provincia de Lugo, das que 11 se celebrarán nos distintos centros universitarios do campus lugués e outras dez nos concellos de Antas de Ulla, Cervantes, Guitiriz, Mondoñedo, Monforte, Muras, O Corgo, A Pastoriza, Ribadeo e Seoane do Courel.

O número de localidades nas que se desenvolverá en 2016 a oferta estival da USC o do pasado ano e denota a vocación descentralizadora e de divulgación da Universidade de Verán da USC, unha programación heteroxénea en canto á súa temática e para a que xa está aberto o proceso de matrícula, tanto en liña, a través da web da USC, como de xeito presencial, nos servizos habilitados para tal efecto nos campus de Santiago e Lugo. A inscrición nos cursos de verán poderá realizarse ata aproximadamente dez días antes antes do comezo da actividade en cuestión. 

Recoñecemento académico

As persoas que formalicen a súa inscrición nun curso de verán da USC recibirán un diploma acreditativo da súa participación sempre e cando asistan ao 80% das horas lectivas programadas. Asemade, a USC recoñece os cursos de verán 2016 a efectos de créditos para o estudantado: dous créditos para cada curso de 25 ou máis horas e un crédito polos de menos de 25 horas (en todo caso, ata un máximo de seis créditos en total).

A taxa xeral de matrícula é de 120 euros para os cursos de máis carga lectiva e de 70 para os de menos de 25 horas. Ademais, existe unha taxa reducida (de 70 e 40 euros, respectivamente) aplicable a alumnado universitario, de bacharelato ou de formación profesional, pensionistas, persoas en situación de desemprego, socios/as da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC e PDI e PAS da USC. 

Noticias relacionadas