A Alcaldesa subliña o impacto social e económico da primeira edición de Equiocio en Lugo

Lara Méndez participou na inauguración do evento, que ofrece ata o domingo competición hípica e actividades de lecer en familia no Pazo de Feiras. A recadación entregarase a FUDACE

Xoves, 13 de abril de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este xoves na inauguración da primeira edición de Equiocio que se celebra na cidade, un acto no que agradeceu o traballo dos organizadores que fixeron posible este evento e subliñou o impacto social e económico que terá para Lugo, pois as previsións apuntan unha importante afluencia de público, así como a súa contribución á incrementar a proxección da Semana Santa lucense, que aspira a ser declarada Festa de Interese Turístico Galego.

Equiocio, que conta coa colaboración do Concello para a súa celebración, ofrecerá ata o domingo no Pazo de Feiras e Exposicións competición hípica, en concreto un campionato de dúas estrelas a nivel nacional, no que participarán uns 150 xinetes de Galicia, Asturias, País Vasco e Madrid, e un amplo abano de actividades de lecer en familia. O certame ten así mesmo un marcado perfil social, pois a recadación irá destinada á Fundación de Dano Cerebral (FUDACE).

Xunto á rexedora, no acto de inauguración estiveron o concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, entre outros membros da Corporación local; os deputado provincial de Relacións Institucionais, Álvaro Santos; o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; o xerente da Fundación Feiras e Exposicións, Rubén López; a directora de Equiocio, Ana Lago; e o presidente de FUDACE, Luis Abelleira. Tras o acto, incorporouse a Conselleira do Mar, Rosa Quintana.

Noticias relacionadas