A Alcaldesa presenta ao Consello Económico e Social os Orzamentos 2018: “investidores e sociais”

O Goberno aumenta os investimentos nun 40%, mentres acada a débeda cero, para materializar o seu modelo de cidade, centrado na humanización de espazos e a mobilidade, e destina ás políticas sociais o 24% dos presupostos

Os proxectos orzamentados contan con respaldo social ou plenario, como son os recollidos no Plan de Barrios, o remate da biblioteca da Piringalla, os ascensores de Sagrado Corazón e Fontiñas, a área pública de baño, un novo canil ou a mellora de parques infantís, destacou Lara Méndez

Tras a reunión do CES celebrada hoxe, a tramitación dos presupostos continuará o vindeiro o luns coa Comisión de Contas para ser sometidos ao debate do Pleno o xoves 21

Venres, 15 de decembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa presenta ao Consello Económico e Social os Orzamentos 2018: “investidores e sociais”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu este venres a reunión do Consello Económico e Social (CES) do municipio, ao que presentou o proxecto de Orzamentos para o 2018, dentro do preceptivo percorrido administrativo que deben seguir a tramitación das contas municipais. Méndez incidiu en que son uns presupostos “investidores”, pois o importe total aumenta un 5%, ata os 95,3M€, e os investimentos soben un 40%, ata os 15,2M€, aínda acadando a débeda cero, co fin de materializar o modelo de cidade do Goberno, baseado na humanización de espazos e a mobilidade, e un presupostos “sociais”, con 23M€, o que supón o 24% do total do Orzamento.

Xunto á rexedora, na reunión do CES, celebrada no Salón de Plenos, participou por parte do Goberno o voceiro municipal, Miguel Fernández, e a Concelleira de Benestar Social e Inclusión, Ana González Abelleira. Tras a reunión do CES celebrada hoxe, a tramitación dos presupostos continuará o luns coa Comisión de Contas para ser sometidos ao debate do Pleno o xoves 21.

Lara Méndez destacou que os proxectos orzamentados contan con respaldo, ben social, ben plenario, pois recollen moitas iniciativas trasladadas directamente polo tecido veciñal e aprobadas pola Corporación. Exemplos diso son o Plan de Barrios, dotado con 2,5M€, un millón máis que no borrador de Orzamentos do 2017 porque “detectamos máis necesidades e demandas dos veciños e veciñas, e porque hai máis propostas plenarias aprobadas”.

Mostras de medidas orzamentadas con apoio veciñal e plenario son tamén a construción dos ascensores do Sagrado Corazón e Fontiñas (500.000€), o remate da biblioteca da Piringalla (1M€), a área pública de baño no Miño (250.000€), o acondicionamento dun novo canil (60.000€) ou a ampliación e mellora de parques infantís (190.000€).

En canto a políticas sociais, a Alcaldesa subliñou que, ao tempo que “aumentamos a capacidade investidora do Concello grazas ao éxito na captación de fondos europeos que acadamos nestes primeiros dous anos e medio de mandato, mantemos o esforzo económico nas políticas sociais, aínda sendo en moitos casos competencias impropias,” tanto en Benestar Social (8,5M€), como Cultura (5M€), Educación (3,6M€), Deportes (3M€) e Emprego (3M€), capítulo este último no que está recollida a necesaria provisión para o aluguer dos locais comerciais da Tinería ao IGVS co fin de incorporalos ao CEI Nodus como viveiro de empresas e dinamizar deste xeito o barrio social e economicamente. 

Os prazos

A Alcaldesa tamén explicou aos membros do CES que os prazos para a tramitación dos Orzamentos están condicionados polo Plan Económico Financeiro, en tanto que a Xunta estableceu o 22 de decembro como data límite para remitirlle o acordo plenario de aprobación do documento.

O Concello tivo que elaborar o PEF para poder tramitar o Orzamento 2018 por incumprir a Regra de Gasto imposta polo Goberno central ao incorporar ao exercizo orzamentario de 2016 remanentes de crédito para poder pagar as expropiacións da Ronda do Carmen, máis de 4M€. O único efecto deste Plan para o Concello é o compromiso de cumprir coa Regra de Gasto fixada polo Executivo do Estado nas liquidacións orzamentarias deste 2017 e do 2018.

Lara Méndez subliñou que o seu Goberno comezou o mandato na procura de financiamento “para agora poder materializar o noso modelo de cidade, que tivemos claro dende un principio como demostra que así o plasmamos nas convocatorias aos fondos europeos, mantendo ao mesmo tempo o esforzo económico polas políticas sociais”.

Os compoñentes do CES son os seguintes:

- A Alcaldesa, como presidenta do Consello Económico e Social.

- Un/unha membro da Xunta de Goberno

- Un representante de cada grupo político municipal.

- Un representante de Deputación de Lugo.

- Os representantes das xefaturas territoriais das Consellerías coas competencias de comercio, industria e emprego.

- Tres representantes das centrais sindicais máis representativas.

- Un representante da Confederación de Empresarios de Lugo.

- Un representante das entidades financeiras situadas no municipio.

- Dous representantes libremente designados po Pleno do Concello entre persoas de recoñecida solvencia e prestixio no eido económico e social.

- O Secretario

- O Interventor

Noticias relacionadas